Pontevedra recuperará o 1 de marzo a carreira popular 8K do Lérez con competicións para tódalas categorías

84
  • Tras o paréntese de 2019, o evento organizado pola Concellería de Deportes, CCNorte Sports Timing e a Sociedade Ximnástica regresa con probas de oito e catro kilómetros

Tras o paréntese do ano 2019, no que non se celebrou, Pontevedra recuperará o vindeiro domingo 1 de marzo a celebración da carreira popular 8K do Lérez, organizada grazas á colaboración da Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes. Nesta terceira edición, o programa de competicións do evento, que se desenvolverá dende as 11:00 horas na Illa das Esculturas, incluirá unha proba de catro kilómetros e competicións para tódalas categorías.

Deste xeito, ademais das carreiras Absoluta 8K e Absoluta 4K (2004 e anteriores), que darán comezo ás 12:00 horas, tamén terán lugar probas en categoría Mini (2013 e posteriores), Sub-10 (2011-2012), Sub-12 (2009-2010) e Sub-14/Sub-16 (2005-2008). Todos aqueles interesados en inscribirse poden facelo a través da propria páxina web do evento ‘www.8klerez.com‘ ata o xoves 27 de febreiro (inclusive).

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, anima a tódolos pontevedreses “a volcarse cunha ‘popular’ cuxa distancia, de 8 kilómetros na carreira absoluta, resulta moi asequible para calquera persoa cun nivel medio de adestramento”. Neste sentido, o edil socialista lembra que o evento naceu en 2017 “precisamente co obxectivo de chegar ao público máis popular, tanto menores como adultos”. 

“Sen dúbida, un dos seus atractivos é o lugar no se celebrarán as probas: un dos contornos naturais máis privilexiados de Pontevedra, nas inmediacións do río Lérez, que conta con accesos por estrada e con tódolos servizos que deportistas, acompañantes e espectadores precisan. Un marco incomparable”, suliña Fernández.

Entre estes servizos inclúense a dispoñibilidade de duchas e vestiarios no Pavillón Multiúsos da Xunqueira e avituallamento líquido e sólido ao finalizar a proba. A entrega de dorsais realizarase o mesmo día da carreira, entre as 10:00 e as 11:30 horas, nun punto de encontro situado no entronque da rúa Celso Emilio Ferreiro co Paseo de Rafael Areses e a pasarela peonil sobre o Lérez (nesta mesma zona situarase tamén a área de avituallamento).

As inscricións serán de carácter gratuíto en tódalas categorías con excepción da Absoluta 8K e Absoluta 4K, que terán un custe de sete euros. Asemade, poderán participar equipos especiais: agrupacións de deportistas configuradas para clasificacións dunha determinada competición, evento ou circuíto de carreiras. O seu funcionamento, validez e duración estarán totalmente ligados ao regulamento e prazos da competición á que estean asociados.

O circuíto de 8.000 metros coincidirá en percorrido co de 4.000 (fará dúas voltas no lugar de unha), cun itinerario que discorrerá tanto no interior da Illa das Esculturas como no paseo fluvial da avenida de Bos Aires.

COMPARTIR