As Xornadas sobre o Entroido de Galiza chegan á oitava edición

132
  • Terán lugar o 28 e 29 de febreiro pola tarde no Centro Nemonon e incluirán unha exposición fotográfica
  • Organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega e coa colaboración da concellaría de Patrimonio, combinará a perspectiva académica coa popular sobre a tradición do Entroido

As Xornadas sobre o Entroido de Galiza chegan á súa oitava edición acadando a  consolidación dun público fiel que se achega a Pontevedra desde todos os puntos de Galiza. Nesta ocasión terán lugar os días 28 e 29 de febreiro no Centro Nemonon entre as 18h e a 20h. O programa, que combinará a perspectiva académica coa popular, foi presentado esta mañá polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, e polos representantes da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía e Ana Durán. 

Xaquín Moreda indicou que “en Galiza temos un Entroido diferenciado aínda sen coñecer por toda a cidadanía” e que xornadas deste tipo permiten sacar á luz “tanto experiencias descoñecidas como algunhas peculiaridades que xa se perderon ou outras que están en proceso de recuperación”.

En canto ao programa, o venres inlúe a presentación do libro ‘Historia e recuperación do Entroido de Samede’ de Emi Cagiao, un relatorio sobre o Entroido de Esgos a cargo da Asociación Felos e Madamas de Esgos e un relatorio sobre o teatro de Entroido en Galiza a cargo de Julio. I. González. A xornada rematará cunha mesa redonda e coloquio cos participantes. O sábado, a xornada abrirase coa presentación do libro “Festividades de inverno na provinica de Ourense” de Carlos X. Ares, seguirá cun relatorio de Lidia Mariño sobre ‘A figura da Vella no Entroido’, e dun relatorio de Chema Cebeiro sobre “A Danza de Entroido na Ulla”. Esta xornada tamén inclúe mesa redonda e coloquio final. 

Paralelamente e durante os dous días, tamén se poderá ver a exposición fotográfica que, en palabras de Rafa Quintía “permite amosar toda a riqueza e potencia visual do Entroido”. A exposición estará aberta tanto en horario de mañá como de tarde.