O alcalde recibe á nova directiva da Asociación de Veciños de Lérez

137
  • O rexedor municipal agradece o esforzo dos veciños e veciñas que veñen de poñerse á fronte da entidade e defende a necesidade de contar cun “movemento veciñal forte”
  • Entre os proxectos de futuro, abordouse a posibilidade de acometer un núcleo de centralidade parroquial na contorna do centro de saúde

O alcalde, acompañado pola concelleira da parroquia de Lérez, Pilar Comesaña, recibiu esta mañá á nova directiva da Asociación de Veciños de Lérez encabezada polo presidente, Miguel Filgueira, e conformada por Alberto Abilleira como vicepresidente, Carmen Alfonso como secretaria, Elisa García como tesoreira, e Ángel Moldes, Ignacio Amoedo, Jesús Filgueira e Rafael Gómez como vogais.

Tras esta xuntanza de presentación e primeira toma de contacto, Fernández Lores felicitounos por poñerse á fronte do colectivo e asegurou que é importante “contar cun movemento veciñal forte co que consensuar os proxectos prioritarios”. Neste sentido, fixeron un repaso polos proxectos en execución nesta parroquia, así como polos xa executados e os previstos de cara o futuro. O alcalde salientou como exemplos o convenio de mantemento da Casa da Cultura (asinado o pasado mes de xullo), as actuacións xa realizadas na rede de saneamento de auga, e as que se están executando en Ramallás e Fontaíña.  Tamén adiantou que se plantexou a necesidade de realizar un proxecto de centralidade parroquial na contorna do centro de saúde que implique a mellora da calidade urbana e a seguridade viaria nesa zona. 

Tanto o alcalde como o presidente da Asociación destacaron a alta porcentaxe de participación da veciñanza de Lérez na Asociación de Veciños, que conta actualmente con 160 familias inscritas. Neste punto, chamaron a atención sobre a particularidade de que as inscricións non son individuais senón por unidade familiar e ambos salientaron a boa cifra de participación nunha parroquia que non chega aos 2.000 veciños e veciñas.