Un foro para recoñecer e proxectar á muller deportista

48
  • A Vicerreitoría acollerá o 6 de marzo un evento inserido no Tour Universo Mujer que contará coa participación das olímpicas Teresa Portela e Sara Hurtado

Deportistas olímpicas como a piragüista Teresa Portela e a patinadora Sara Hurtado participarán, xunto a profesoras do campus pontevedrés, xornalistas e outra serie de profesionais, nas tres mesas de debate que integran o Foro Universo Mujer, un evento dirixido a proxectar e recoñecer o papel da muller no deporte que o venres 6 de marzo se desenvolverá na sede da Vicerreitoría do campus. Inserido nas actividades do Tour Universo Mujer, impulsado polo Consejo Superior de Deportes e a Fundación Deporte Joven, o foro promovido coa participación da Vicerreitoría do campus, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial afondará na participación da muller no deporte de competición, en cuestións vinculadas coa saúde e a práctica deportiva e na representación das deportistas nos medios de comunicación.

“A idea é poder falar con expertas en diferentes campos arredor desa idea forza que é a muller no deporte”, explicou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na presentación deste foro inserido nas actividades que, entre o 6 e o 8 de marzo, o Tour Universo Mujer desenvolverá en Pontevedra. “A formación, o desenvolvemento deportivo, a visibilización da muller a través do deporte, a saúde e o liderado” serán, explicou Soto, algúns dos temas a abordar nun foro que responde tamén ao obxectivo de “afianzar o compromiso coa igualdade” da Universidade de Vigo. “É importante visualizar e recoñecer o labor das mulleres, non só por xustiza histórica, senón para que se reflicta na sociedade e no mundo académico e para que as novas xeracións atopen modelos de referencia femininos afastados dos estereotipos de xénero”, salientou o vicerreitor na presentación celebrada na sede da Vicerreitoría.

“O que intentamos é dar visibilidade á muller, a súa situación tanto no deporte como na vida e á necesidade de superar eses tópicos e esas discriminacións para avanzar cara unha igualdade real”, engadiu o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández. A presentación contou tamén coa participación da deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, que denunciou como moitas deportistas profesionais “cobran moito menos que os homes por facer o mesmo esforzo”; e do director xeral do Tour Universo Mujer, Ignacio Solana, que lembrou que o evento busca tanto realizar un “recoñecemento á muller deportista” como “dar visibilidade ao deporte feminino”. 

Tres mesas de debate

O Foro Universo Mujer arrincará, tralo acto inaugural programado para as 17.00 horas, cunha mesa titulada Unha carreira de obstáculos: a participación da muller no deporte de competición, na que intervirán a patinadora olímpica Sara Hurtado, a ex-deportista e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño, directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, e a presidenta do Club Baloncesto Arxil, Milagros Sanmartín. Unha segunda mesa, sobre muller, deporte e saúde, reunirá á porteira da selección española e farmacéutica Silvia Aguete e á profesora da Facultade de Fisioterapia Iris Machado, completándose este foro cun debate sobre a presenza da muller na información deportiva. Nel participarán as xornalistas Cristina Gallo e Ana Guantes, xefa de prensa da Deputación de Pontevedra, a piragüista olímpica Teresa Portela; a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Ferández Souto e a presidenta da asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), Mercé Barrientos. As tres mesas de debate, explicou Soto, serán moderadas polas xornalistas Susana Pedreira, de Onda Cero, María Varela, do Diario de Pontevedra, e Ana López, do Faro de Vigo.

O primeiro de tres días de actividade

Este Foro Universo Mujer será o primeiro dos actos desta “gran festa da igualdade e do deporte”, que constitúe un “evento único en toda Europa”, como explicou Solana. O Tour Universo Mujer, que percorre por terceiro ano diferentes cidades españolas, completará a súa programación, o sábado 7 e o domingo 8, coas exhibicións e actividades que 16 federacións promoverán na praza de España, un maratón de fitness e coa carreira solidaria Pontevedra en forma pola igualdade, que destinará a súa recadación á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur).

COMPARTIR