Benestar Social e o Centro de Especialidades Audiolóxicas (CEA) impulsan o proxecto Pontevedra Escoita co gallo do Día Mundial da Audición

19
  • A iniciativa busca concienciar sobre a importancia da intervención temperá nos procesos de perda auditiva e promover estudos audiolóxicos anuais entre a poboación con menos recursos

Concienciar sobre a importancia da intervención temperá nos procesos de perda auditiva e fomentar a realización de estudos audiolóxicos anuais entre a poboación con menos recursos son algúns dos obxectivos do proxecto Pontevedra Escoita, impulsado pola Concellería de Benestar Social e o Centro de Especialidades Audiolóxicas (CEA) de Pontevedra co gallo do 3 de marzo, Día Mundial da Audición. No marco desta iniciativa, coa que Concello e CEA se suman ás actividades promovidas pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para previr e solucionar os problemas de audición vencellados ao deterioro cognitivo e a desigualdade de oportunidades, o vindeiro martes celebrarase a xornada conmemorativa cun acto que terá lugar ás 19:00 horas na Praza da Peregrina e no que os promotores portarán camisetas reivindicativas e farán lectura dun manifesto.

A edil de Benestar Social, Paloma Castro, fai fincapé na necesidade de “apoiar e comprometerse con accións que axuden a lembrarnos a importancia de manter unha boa saúde auditiva”, xa que “en tódalas etapas da vida, a comunicación conéctanos entre nós, coas nosas comunidades e co mundo”. Neste sentido, a socialista asegura que unha das finalidades da campaña Pontevedra Escoita é “recomendarnos que fagamos estudos audiolóxicos anuais”.

“O CEA está conformado por un equipo multidisciplinar cuxa misión é axudar a tódalas persoas que acoden ao seu centro a resolver problemas de audición, cubrindo as súas necesidades e contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e a previr problemas asociados nun futuro”, explica Paloma Castro.

O Centro de Especialidades Audiolóxicas, con sede no número 8 da rúa Frei Xoán de Navarrete, ofrece servizo á poboación ser recursos, comprometéndose a que tódalas persoas poidan acceder a unha solución auditiva. Tal e como sinala a concelleira de Benestar Social, “o CEA asume o custe das probas audiolóxicas que precisen realizar as persoas derivadas polo Concello de Pontevedra e tamén se fai cargo da diferenza do custe dos audífonos dos cidadáns que cumpran os requisitos das axudas sociosanitarias da Xunta de Galicia que veñan derivados pol@s traballadores/as sociais municipais”. “Esta colaboración contempla ademais a doazón ao Concello, unha vez ao ano, como axuda social, de dous audífonos”, apunta a edil do PSOE.

Servizo cubertos en pacentes coas axudas sociosanitarias

Entre os servizos aos que poden acceder os pacientes coas axudas sociosanitarias inclúense probas audiolóxicas, adaptación de audífonos, moldes a medida (en caso de precisarse), revisións periódicas para a comprobación do funcionamento das próteses, dous anos de garantía e un ano de pilas de balde. No que atinxe aos audífonos doados ao Concello de Pontevedra, o CEA ofrece as rehabilitacións e adestramentos auditivos que sexan necesarios e, no que caso de que a persoa elixida sexa un menor de idade con perda auditiva dende o seu nacemento e non usuario de audífono, os tratamentos de estimulación auditiva antes, durante e despois da adaptación.

A cita co Centro de Especialidades Audiolóxicas debe ser solicitada polas traballadoras sociais municipais, ás que será remitida a documentación para a tramitación da axuda. Unha vez que a subvención estea abonada, o CEA porase en contacto coa Concellería de Benestar Social para efectuar a entrega dos audífonos.