Medio Natural contrata o proxecto para optimizar a iluminación do parque infantil de Campolongo

22
  • A actuación, que será executada pola firma Setga cunha achega de 4.800 euros, suporá a instalación de dúas columnas con luminarias de aluminio ultrarresistente a condicións climáticas adversas

A empresa especializada Setga será a encargada de executar o proxecto co que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pretende optimizar as condicións de iluminación do parque infantil de Campolongo. A actuación foi contratada cun orzamento de 4.817 euros e traducirase na instalación de dúas columnas con luminarias modelo Essenze, elaboradas cun corpo compacto de aluminio ultrarresistente ao efecto degradante de ambientes agresivos e cun deseño que fusiona as tendencias contemporáneas da industria automobilística coa estética centro europea.

As obras consistirán na apertura dunha gabia de 0,60 metros de profundidade por 0,40 de ancho para realizar unha canalización cun tubo de polietileno, a creación de zapatas de formigón de 0,60×0,60×0,80 mediante escavación e a colocación de columnas troncónicas de sección circular construídas en aceiro de carbono (protexidas contra a corrosión grazas a unha galvanización en quente por inmersión) e dotadas de cruceta para dous proxectores. As luminarias Essenze EZ36M que se colocarán están dotadas de 36 LED de alto rendemento e de lentes LEDIL para ata seis configuracións fotométricas.

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns contratou este proxecto despois de efectuar un estudo en profundidade para determinar as necesidades lumínicas do parque de Campolongo. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, asegura que esta intervención “permitirá que os pequenos e as súas familias poidan desfrutar desta concorrida zona de xogo a calquera hora do día, en condicións de seguridade e de boa visibilidade”.

As novas luminarias contan cun sistema de xestión térmica avanzado, cun mecanismo de refrixeración lateral, que optimiza o proceso de disipación térmica, potencia a súa eficacia e incrementa a súa vida útil. Este modelo dispón ademais cunha superficie superior uniforme e curva destinada a evitar a acumulación externa de suciedade e cun sistema de deflectores situado sobre a superficie inferior frontal e traseira do bloque óptico para dificultar que o fluxo líquido de suciedade se poida concentrar sobre os lentes (outra cualidade que mellora o rendemento e vida útil).

Un deseño sostible

Seguindo a filosofía que Iván Puentes tenta aplicar a tódalas actuacións impulsadas dende o seu departamento, cada unha das novas luminarias “é o resultado dun proceso industrial altamente sostible, caracterizado pola capacidade de reciclaxe e a optimización dos materiais empregados” “A elevada pureza do aluminio que se vai utilizar no proxecto do parque infantil de Campolongo -sinala o edil do PSOE- garante a súa completa reutilización por parte doutras industrias nun futuro. De feito, Setga ten deseñado un sistema de reciclaxe a longo prazo para cada unha dos compoñentes da serie Essenze”.