A Liga de Petanca de Pontevedra 2020 arranca mañá coa participación de 12 equipos e cinco novas pistas proxectadas pola Concellería de Deportes

126
  • Tino Fernández e a recén estreada xunta directiva da Agrupación de Petanqueiros márcanse o obxectivo de introducir este deporte nos centros educativos “para chegar á xente máis xoven”  

A Agrupación de Petanqueiros iniciará mañá a Liga de Petanca de Pontevedra 2020 coa participación de 12 equipos, tres máis dos que competiron na última edición. Así, a O Mirador de Monte Porreiro, Amigos de Campolongo, Centro Social Pontevedra, O Pote e O Carballo de Mourente, O Salgueiral de Bora, Verducido, Santa María e Salcedo Norte, súmanse nesta competición Petanca Marín, San Martiño de Salcedo e Santo André de Xeve (que se reincorpora).

Tanto o calendario da Liga (que se desenvolverá ata o día 12 de xullo) como o da Copa de Petanca foron presentados hoxe no marco do primeiro encontro formal que o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, mantivo coa recentemente estreada xunta directiva da Agrupación de Petanqueiros. O presidente do colectivo, José Gallego, asegurou que tódolos equipos participantes na Liga pontevedresa están “moi ilusionados con esta nova etapa”, na que se plantexan o reto de estender a práctica deste deporte no municipio e os seus arredores: “A petanca é un deporte con futuro, que non ten idade; un deporte interesante para xente que se atopa soa e quere desfrutar dun pouco de bo ambiente, un deporte que permite facer exercicio ao aire libre. Só ten un problema… Non se pode xogar a partires dos 105 anos, xa que está prohibido pola Federación”.

Nesta mesma liña, Tino Fernández amosou o “absoluto respaldo do Concello” a tódolos que practican unha disciplina deportiva “que cada vez ten máis adeptos” e que debe marcarse o obxectivo de “chegar á xente máis xoven”. Un apoio que se está a traducir na creación de novas pistas de petanca: ás dúas previstas no proxecto que xa está en marcha para dotar ao barrio do Burgo dun novo parque, deben engadirse as previstas en Monte Porreiro e Salcedo, e “estanse a estudar outras nalgún lugar máis”. “Contemplamos incluso facer unha pista máis na zona urbana de Pontevedra”, avanza o socialista.

Tanto a directiva da Agrupación como Fernández avanzaron a súa intención de fomentar a práctica da petanca nos centros educativos, coa finalidade de “chegar á xente máis xoven”, que “non acaba de collerlle o gusto a un deporte que é importante, xa que á marxe de facerse ao aire libre, permite saír, socializar e realizar actividade física a persoas que doutro xeito non farían nada”. “Para nós -suliña- ten unha importancia estratéxica que a petanca se asente en Pontevedra e continúe a crecer, xa que con iso mellorará a saúde de moitas persoas”.

José Gallego fixo fincapé na importancia de que as mulleres se impliquen na Liga de Petanca e afirmou que a nova directiva da Agrupación de Petanqueiros “non é xoven en idade, pero si en espírito e ilusión, e ven con moitas gañas de traballar”.