A Concellería de Desenvolvemento Sostible deseña un proxecto para a reforma integral da Praza de Pasarón

18
  • A proposta de Iván Puentes prevé a ampliación e completa renovación do parque infantil, a solución dos problemas do estanque para achicar auga e o acondicionamento de tódalas zonas verdes

Dende a súa construción, hai uns 15 anos, o parque infantil da Praza de Pasarón nunca foi obxecto dunha reforma ou renovación, o que o converteu na zona de lecer e esparexemento que maior deterioro e xogos máis antigos presenta de tódalas que existen no centro urbano de Pontevedra. Neste tempo, a poboación do barrio do Burgo e o contorno do Estadio de Pasarón incrementouse de xeito moi notable e, en consecuencia, tamén o fixo o número de usuarios do parque, que a día de hoxe se atopa claramente saturado tódalas tardes.

Por estes motivos, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, marcouse como prioridade para os vindeiros meses a execución dunha reforma integral de toda a Praza de Pasarón, tanto do parque infantil como de toda a zona verde adxacente. O espazo será obxecto dunha reordenación, coa finalidade de aumentar o seu emprego por parte da cidadanía, renovándose por completo o actual parque infantil, substituíndo tódolos elementos de xogo, o seu peche perimetral e o seu chan. “Non só se fará de novo, senón que, ademais, ampliarase a superficie destinada a lecer infantil e crearanse outros espazos de xogo para diferentes idades”, asegura Iván Puentes.

Para conseguilo, dotarase ao parque da Praza de Pasarón, no que actualmente os nenos e nenas xa xogan ao fútbol, dalgún elemento deportivo vencellado ao balompé e á práctica doutros deportes. 

Dentro deste proxecto de reforma integral prestarase especial atención ao contorno do estanque, solucionando os problemas de limpeza da auga que padece nestes momentos pola falta dun desaugadoiro directo (o que obriga a achicala cunha motobomba toda a auga para poder limpalo). “Tamén se buscará -sinala o concelleiro socialista- integralo mellor no contorno cun novo valado perimetral e estudando unha fórmula para o xardín anexo, que resulta inaccesible”.

Asemade, o plan impulsado por Puentes contempla a rexeneración do chan e a mellora do axardinamento de toda a praza, que se atopa moi deteriorado en diversos puntos.

Conservar, renovar e ampliar, antes que crear parques novos

Segundo apunta o edil do PSOE, “o Servizo de Parques e Xardíns xa traballa na elaboración do proxecto técnico e o cálculo do custe final das obras, que serán financiadas con cargo ao novo orzamento municipal unha vez que sexa aprobado definitivamente”. A reforma da Praza de Pasarón enmárcase dentro dun plan de mellora e actualización de tódolos parques infantís da cidade que a Concellería de Medio Natural vai desenvolver ao longo do mandato: “A miña intención -suliña Puentes- é priorizar a conservación, renovación e ampliación, onde sexa necesaria, dos parques infantís, por enriba da creación de novas áreas de xogo, salvo en lugares puntuais de Pontevedra”.

COMPARTIR