Benestar Social organiza uns Talleres Solidarios de Mindfulness que permitirán recadar cartos para investigar enfermidades neurodexenerativas

158
  • Os obradoiros, dirixidos a nenos e adultos, celebraranse na Casa Azul entre o venres 6 e o sábado 7 de marzo e serán impartidos pola consultora de mindfulness transpersoal Mónica Rivas

A experta Mónica Rivas impartirá a vindeira fin de semana na Casa Azul uns Talleres Solidarios de Mindfulness a beneficio da Asociación Española CJD (Creutzfeldt-Jakob Disease), adicada ao estudo dunhas afeccións neurodexenerativas mortais denominadas enfermidades priónicas e para as que actualmente non existen terapias dispoñibles. A actividade, organizada pola Concellería de Igualdade e Benestar, inclúe un obradoiro para adultos, que se desenvolverá o venres 6 de marzo de 17:00 a 18:30 horas e o sábado 7 de marzo de 12:00 a 13:30 horas, e outro para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que terá lugar o sábado en horario de 10:00 a 11:00 horas.

O mindfulness ou conciencia plena consiste en prestar atención, momento a momento, a pensamentos, emocións e sensacións corporais, con aceptación e sen xulgar. A profesional encargada de impartir a actividade é consultora de mindfulness transpersoal pola Universidad Europea Miguel de Cervantes e conta con formación nos programas do Instituto de Investigación e Formación en Ciencias Cognitivas Nirakara: ‘Crecer respirando’, ‘Formación en ioga e meditación’ e ‘Adestramento no cultivo da compaixón’ (www.soloser.com).

Os talleres de Mónica Rivas teñen prazas limitadas, cun máximo de 20 nenos e 50 adultos participantes e un prezo de 20 euros para os adultos, 10 euros para os menores e 25 para adulto+neno. A concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro, asegura que “todo o diñeiro recadado será destinado integramente á investigación das enfermidades priónicas”. “Os asistentes -explica a edil socialista- aprenderán que é o mindfulness e levarán a cabo distintas prácticas formais, como a meditación en silencio e inmobilidade, e informais, como o adestramento da atención plena na vida cotiá: escoita, alimentación…”.

No taller para adultos explicarase métodos para que o cerebro se enfoque no que é percibido en cada momento, en lugar de proceder coa normal rumiación acerca do pasado e o futuro. Tal e como suliña Paloma Castro, o mindfulness permite, entre outros beneficios, “axudar a controlar o estrés, a ansiedade e o insomnio; aumentar a capacidade de concentración; desenvolver a intelixencia emocional e as habilidades interpersoais; favorecer a creatividade, e incrementar a amabilidade con un mesmo e cos demais”.

Nenas e nenos máis conscientes 

A concelleira de Igualdade e Benestar explica que “do mesmo xeito que o deporte para adultos non é igual que o deporte para nenos, as técnicas de mindfulness para os pequenos realízanse cunha metodoloxía máis lúdica e motivadora”. “Na sociedade actual -asegura a edil do PSOE- existen centos de estímulos visuais e auditivos que fomentan unha mente ‘saltarina’ e incapaz de fixarse nalgo de xeito continuado e profundo. Mediante contos, xogos e técnicas de control da atención pódeselles ensinar aos nenos as ser conscientes das sensacións, pensamentos e emocións que experimentan no momento presente”.

Entre os beneficios que os rapaces poden obter figuran a mellora da concentración e a atención; o manexo dos seus impulsos e habilidades interpersoais, e o fomento da creatividade.

COMPARTIR