O Concello sube aos 4,3 millóns a recadación en período executivo en 2019

4
  • É a cifra máis elevada dos últimos dez anos e responde á política económica do departamento de Facenda de buscar a equidade fiscal perseguindo o fraude e actualizando os padróns.
  • A memoria da recadación executiva municipal revela a elevada porcentaxe de pago en vía voluntaria: o 90% do IBI, superada, incluso polo IAE. 

A equidade fiscal -pago de todos os contribuíntes- principio fundamental da política económica municipal segue dando moi bos resultados ás contas do Concello de Pontevedra. As liñas de traballo dos últimos anos de persecución do fraude e actualizacións dos padróns permitiron en 2019 acadar a cifra máis elevada de recadación municipal en vía executiva, procedemento que se activa unha vez que remata o período voluntario de abono de taxas e impostos. A recadación superou os 4,3 millóns de euros.

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González asegura que estas cifras son froito dun traballo constante tanto dende a estrutura de recadación municipal -os propios servizos do Concello- como dende a empresa colaboradora.

Ao respecto da recadación en período executivo, a memoria desvela que existe un incremento de case 400.000 euros ao respecto do ano pasado, cando se situaba en 3.676.000 euros e en 2019 pasou a 4.361.000 euros.

A recadación executiva vai subindo paulatinamente ano a ano, e está á marxe de comportamentos vinculados á crise económica, xa que en 2011, ano situado en plena crise, a recadación foi de 4.048.000 euros, a segunda cifra máis elevada do período.

O principio de actuación do departamento de Facenda do Concello de Pontevedra, a equidade fiscal, está a lograr unha elevadísima porcentaxe de recadación. Especialmente significativos son os niveis de cobro en período voluntario que ano a ano, cada vez son máis altos.

De feito, en 2019, a recadación en voluntaria do IBI foi do 90%, e supera esta porcentaxe a recadación do IAE. O imposto co cobro máis baixo en período voluntario é o Imposto de vehículos do que os propietarios consideraban que non tiñan a necesidade de pagalo, pero en vía voluntaria xa se está nun 80%.

En definitiva, o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González considera que coa política de persecución do fraude e a actualización de padróns “incrementa a recadación, están funcionando os ingresos e mellora a recadación voluntaria”. Ademais, revela o elevado compromiso dos veciños e veciñas de Pontevedra coa súa cidade.