A Xunta de Goberno aproba unha achega de 200.000 euros para a Renda Social Municipal e outra de 90.000 euros para as Situacións de Emerxencia Social

52
  • A concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro, explica que xa hai oito solicitudes de Renda presentadas e que as axudas “permitirán dar cobertura a unhas 50 peticións este ano”

A Xunta de Goberno local deu hoxe luz verde á convocatoria das Axudas para Situacións de Emerxencia Social (AESMUD), autorizando e aprobando unha achega de 90.000 euros para a súa cobertura no presente ano. Asemade, tamén se aprobou a convocatoria de subvencións da Renda Social Municipal de 2020, que contará cun importe global de 200.000 euros.

A concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro, precisou que as Axudas de Emerxencia Social manteñen “a mesma contía económica que noutros anos”, permitindo tramitar “con moita axilidade” cuestións puntuais que precisan atenderse con certa premura, como o impago dun aluguer ou a compra dunha lavadora. 

No caso da Renda Social, reduciuse parte da achega prevista no orzamento anterior, ao entenderse que os 200.000 euros contemplados son máis que suficientes para cubrir a posible demanda: “Neste momentos -explica Castro- hai oito solicitudes de Renda, varios deles ex MENA (Menores Estranxeiros Non Acompañados) que acaban de cumprir a maioría de idade e que estaban baixo tutela no Centro Príncipe Felipe. As subvencións permitirían dar resposta este a aproximadamente unhas 50 peticións (cifra que pode variar en funcións do número de integrantes das solicitudes. Ex. familias)”.

Segundo subliña a edil socialista, boa parte dos cartos que se orientaron inicialmente a estas axudas (425.000 euros) “e que nunca chegarían a gastarse” foron redistribuídos para destinarse ao convenio coa Fanpa para a xestión dos comedores escolares ou á sinatura de acordos de colaboración con colectivos como a Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII) ou Juan XXIII. Non obstante, a concelleira do PSOE está convencida de que “a partir dagora, co boca a boca, de seguro o número de solicitudes se vai incrementar”.

Tal e como lembrou, a Renda Social Municipal é incompatible coa percepción da Risga e tradúcese nunha contía máxima do 75% do IPREM (549 €) para unidades familiares constituídas por un único membro (411,75 €), o 90% se son dous membros (494 €) e o 100% se son tres ou máis. Percibirase por un prazo máximo de seis meses, prorrogable ata un máximo de 12 meses.