Yoya Blanco e Paloma Castro organizan a exposición Mulleres Creadoras co gallo do día 8 de marzo

87
  • A mostra coordinada polo colectivo O Galpón Lab permitirá visibilizar na Casa da Luz visibiliza a creatividade e o traballo de nove mulleres artistas de Pontevedra de diferentes estilos

No marco das actividades promovidas con motivo do día 8 de marzo, as concelleiras de Promoción Económica e de Igualdade, Yoya Blanco e Paloma Castro, inaugurarán este venres ás 17:00 horas na Casa da Luz unha exposición colectiva titulada Mulleres Creadoras. A mostra está organizada polo colectivo O Galpón Lab, asociación que será presentada neste mesmo acto, e permitirá visibilizar durante toda a fin de semana a creatividade e o traballo de nove mulleres artistas de Pontevedra de diferentes estilos: Alba Troiteiro (gravado), Ana Red Moon (téxtil, deseño de moda), Belén Diz (ilustración), Eva Fandiño (ilustración), Natalia Umpiérrez (cerámica e ilustración), Noela Covelo (téxtil, deseño), Nuria Figueirido (cerámica), Sarai Lorenzo (gravado) e Más de Campo que las Amapolas (ilustración con papel).

O obxectivo desta iniciativa é, segundo explica Yoya Blanco, “deixar latente que non se pode clasificar a estas artistas polo seu xénero e que non existen límites, nin na arte nin na creación, polo feito de ser muller”. “O que hai -sinala a edil socialista- é moito talento, cada día un pouco menos oculto en Pontevedra. A produción artística e creativa nesta cidade é algo real, cada vez máis visible e que loita por converterse nun sector relevante da súa economía”.

Unha presenza que, en opinión de Blanco, “é posible en gran medida grazas ás facultades de Belas Artes e Ciencias da Comunicación, nas que a porcentaxe de mulleres que cursan carreiras supera o 60% e, a pesar diso, seguen sendo unha minoría no mundo laboral vencellado ao deseño e a creatividade, sen falar xa de postos directivos”. Unha cita da activista feminista Mitsuye Yamada resume á perfección o espírito desta iniciativa: “Recoñecer a nosa invisibilidade significa atopar o camiño cara á visibilidade”.

O Galpón Lab é unha asociación sen ánimo de lucro de novas creadoras e creadores fundada por catro mulleres, creativas en diferentes disciplinas, que desenvolven principalmente funcións de xestión, creación e divulgación do ámbito cultural da provincia de Pontevedra. O obxectivo desta asociación é promover a creación artística e o intercambio cultural, ofrecendo apoio ás artistas emerxentes e visibilidade e orientación nos seus proxectos.

No acto inaugural do venres producirase a presentación do colectivo, así como da súa primeira exposición.