Comeza a plantación dos 25.000 novos exemplares de árbores que completarán o parque da Tomba

37
  • Xa están plantados 3.700 castiñeiros na zona suroeste do parque, e se están facendo labores de poda sanitaria nos carballos. Outro dos traballos que se executa é o corte de especies invasoras, fundamentalmente, acacias.
  • A Concellaría de Montes, que xestiona Alberto Oubiña, inviste neste proxecto máis de 372.000 euros que se executarán ao longo deste ano.

O Concello de Pontevedra continúa adiante co acondicionamento do segundo parque forestal urbano situado nos terreos da Tomba, na parroquia de Campañó. A Concellaría de Montes, que xestiona Alberto Oubiña, realiza nestes días tres actuacións paralelas: corte de invasoras, poda sanitaria de carballos e plantacións de castiñeiros.

A eliminación de especies invasoras é, fundamentalmente, acacia. Actuouse manualmente nunha superficie de 45 hectáreas con motoserra. Córtanse os exemplares, trasládanse e rózase toda a zona.

Ao respecto da poda sanitaria, o Concello está a realizar limpezas dos carballos xa plantados. Trátase de eliminar ramas rotas, enfermas… Neste mes completarase un ámbito de actuación dunhas 6 hectáreas.

E sobre a plantación de castiñeiros, comezouse pola zona suroeste do parque. De feito, visto dende o río Lérez, trátase dun espazo de cor marrón totalmente limpo de invasoras e en proceso de plantación. Están plantadas 3.700 árbores pequenas cun porte duns 50 centímetros e uns dous anos de vida. A estimación é que no prazo de tres anos poidan verse a súa envergadura dende a cidade.

O proxecto do parque da Tomba contempla manter as árbores actuais e plantar 25.000 novos exemplares de diversas especies. Terá plantacións de 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de frondosas (castiñeiros e carballos), e 15 hectáreas de bosque mixto. Tamén inclúe unha plantación de 3 hectáreas de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo, totalmente ecolóxico e a partir de clons de especies de oliveira autóctona galega. 

Tamén se acondicionarán 17 quilómetros de sendas, delas 1,1 km poderán ser transitadas por coches e 15,9 serán para peóns e de convivencia (segundo os tramos) con ciclistas de paseo. 

O proxecto ten un prazo de execución que abrangue ata final de ano para asegurar labores de limpeza e respectar as épocas de plantación propias de cada especie que se van introducir nesta superficie.

O proxecto ten un orzamento de 372.254,54 euros e foi adxudicado á empresa Elsamex. O futuro parque forestal ocupará 62 hectáreas e na parte alta terá un miradoiro sobre Pontevedra.

Alberto Oubiña, concelleiro responsable de Monte.