Luz verde á ampliación do cemiterio de San Amaro

98
  • Na primeira fase construirase unha sala para celebrar cerimonias funerarias laicas ou de diversoos credos e dúas zonas con 312 columbarios.
  • O orzamento total desta primeira actuación ascende a máis de 400.000 euros e a execución será plurianual

A Xunta de Goberno local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación da ampliación do cemiterio de San Amaro. Fíxoo público a portavoz, Anabel Gulías, quen avanzou que a execución das obras será plurianual e que para esta primeira fase se destina un orzamento total de 474.656, 54 euros.

A primeira fase que, segundo indicou Gulías, comezará a executarse neste exercicio inclúe tres tipos de infraestruturas diferencias. En primeiro lugar, a portavoz referiuse á construción dunha sala para celebrar cerimonias funerais destinada “a distintos credos e mesmo a cerimonias laicas, o que convertirá San Amaro nun dos primeiros cemiterios en contar cunha sala destas características” asegurou. Nesta fase tamén se procederá a acondicionar dúas áreas que acollerán en total 312 columbarios, distribuídos en estruturas verticais que confoman columnas.

Anabel Gulías tamén informou que nesta actuación se inclúe unha mellora, por un importe de 50.000 euros, que consiste na instalación de dúas obras artísticas: un conxunto escultórico da autoría do escultor e ceramista Daniel Caxigueiro e un mural da autoría da artista plástica Amelia Palacios. 

A intervención da primeira fase afectará aproximadamente a 2.500 metros cadrados dos 6.000 dos que dispón a parcela, quedando a superficie restante xa acondicionada con pradeira e preparada para acometer unha fase posterior.