Pontevedra prepárase para unha fin de semana de deporte e reivindicación co Tour Universo Muller

65
  • A décimo sétima parada do Tour promovido polo Consello Superior de Deportes traerá á cidade un maratón de fitness e actividades deportivas e a carreira ‘Pontevedra en Forma pola Igualdade’
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, subliña que este evento de fomento do papel da muller no deporte “será nesta ocasión unha cita moi especial, ao coincidir co Día da Muller”

A cidade converterase durante toda esta fin de semana en sede da décimo sétima parada do Tour Universo Muller, unha xira promovida polo Consello Superior de Deportes (CSD) e Iberdrola en colaboración con diversas capitais de España para fomentar o papel e presenza da muller no mundo deportivo. O evento está organizado en coordinación coa Concellería de Deportes, a Deputación Provincial e a Universidade de Vigo, arrincará hoxe na Casa das Campás co ciclo de charlas do Foro Universo Muller e traerá a Pontevedra un maratón de fitness e actividades deportivas (mañá, sábado día 7 de marzo) e carreira ‘Pontevedra en Forma pola Igualdade’ (domingo 8 de marzo).

O Tour pretende achegar á sociedade a imaxe e papel que a muller ten como parte activa e fundamental do deporte en España. O acto inaugural terá lugar o sábado 7 ás 12:00 horas na avenida de Montero Ríos e contará coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva; o tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández; a concelleira de Igualdade, Paloma Castro; a patinadora olímpica Sara Hurtado, e a representante do departamento de Patrocinios de Iberdrola Noelia Florín.

Durante dous días, Pontevedra transformarase nun espazo aberto, onde se poderán realizar actividades deportivas e lúdicas vencelladas coas 16 federacións patrocinadas por Iberdrola: fútbol, bádminton, balonmán, voleibol, rugby, tríatlon, piragüismo, ximnasia, karate, tenis de mesa, atletismo, boxeo, hockey, deportes de xeo, esgrima e surf.

Asemade, esta mesma tarde terá lugar na Casa das Campás o Foro Universo Muller (a partir das 17:30 horas), no que mulleres vencelladas ao mundo do deporte, distribuídas en tres mesas, abordarán asuntos que atinxen ás profesionais, dende a carreira de obstáculos superada ata a presenza das mulleres nos medios de comunicación pasando polas cuestións de saúde.

Este Foro, apadriñado pola Universidade de Vigo, contará coa participación de Teresa Portela (piragüista olímpica); Sara Hurtado (patinadora olímpica); Silvia Aguete (xogadora de fútbol sala); María Xosé Martínez Patiño (doutora en Ciencias da Actividade Física), e Sabela Delgado (ex judoka), entre outras.

Unha exposición sobre a historia do deporte feminino

O Tour Universo Muller tamén contará cun gran maratón de fitness impartido por persoal do Complexo Deportivo de Campolongo BeOne, así como cunha exposición denominada ‘Expotour’, onde se repasa a historia do deporte feminino español dende as pioneiras ata as grandes promesas que acudirán aos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

Tal e como sinala Tino Fernández, “a gran festa do deporte e a igualdade terá o seu broche de ouro o domingo 8 de marzo coa carreira ‘Pontevedra en Forma pola Igualdade’, unha proba de case 5 kilómetros na que pode participar todo tipo de público a partir dos 12 anos. A recadación irá destinada de xeito íntegro á Fademur (Federación de Asociacións de Mulleres Galegas).

O tenente de alcalde subliña o feito de que o Tour Universo Muller “será nesta ocasión unha cita moi especial, se cabe aínda cun maior peso reivindicativo do que xa representa, porque coincidirá coa conmemoración do Día Internacional da Muller”.