Medio Natural estrea un protocolo de revisión de parques infantís para garantir que as áreas de xogo cumpren cos máximos estándares de seguridade

12
  • O programa impulsado por Iván Puentes ten o obxectivo de testar posibles factores de risco para os rapaces e púxose en marcha coa realización de inspeccións nos parques de Monte Porreiro

Comprobar os niveis de seguridade dos parques infantís de Pontevedra e corrixir aqueles elementos ou factores que poidan supoñer un risco para a integridade dos rapaces son os principais obxectivos do novo protocolo de revisión sistemática impulsado dende a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Este novo programa, que acaba de poñerse en marcha nas zonas de xogo do barrio de Monte Porreiro, pretende acadar, mediante inspección en profundidade e medicións técnicas, os máximos estándares de calidade e seguridade para as áreas de lecer infantil.

A empresa especializada STO (Soluciones Técnicas de Ocio), en coordinación co Servizo Municipal de Parques e Xardíns, será a encargada de desenvolver estas revisións sucesivamente nos 40 parques infantís da cidade, testando xogos, peches perimetrais, bancos, fontes de auga, papeleiras… Tal e como explica o concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, “o protocolo busca optimizar o estado dos espazos de lecer infantil e os seus niveis de uso e seguridade”.

O edil socialista desprazouse ata Monte Porreiro acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para supervisar os primeiros traballos de inspección, efectuados no parque da Praza de Europa, e coñecer, da man de Alfredo Balado e Javier Martínez (encargado e técnico de STO, respectivamente), os sistemas de control aplicados. “Seguindo os criterios pautados pola ENAC (Entidade Nacional de Acreditacións), o noso traballo -asegura Balado- consiste en auditar o cumprimento da normativa europea UNE-EN 1176 e do Decreto 245/2003 da Xunta nos parques infantís e valorar as reparacións necesarias. Se cumpren con tódolos requisitos, faise un certificado que ten unha validez dun ano. En caso contrario, facemos un informe das fallas e valoramos o custe das reparacións”.

En opinión de Javier Martínez, aínda que manter as zonas de xogo en base aos estándares que marcan as normativas supón un investimento importante, é algo que resulta esencial para reducir ao máximo o risco de accidentes. Segundo precisa, as normas comunitarias e autonómicas deixan ben claro que “tanto os xogos como tódolos elementos auxiliares que están dentro do recinto infantil deben cumprir cos mesmos requisitos no que atinxe a cuestións como arestas, posibilidade de atrapamentos, radios ou esquinas perigosas”.

Un protocolo que regula as inspeccións en tódalas fases

O protocolo impulsado por Iván Puentes contempla diversas etapas nas que participarán os diferentes axentes implicados na calidade e bo estado dos parques:

  1. Na fase de deseño, formularanse deseños específicos e singulares que se adapten o mellor posible ás condicións das zonas verdes, buscando conxugar integración paisaxística, confort, calidade e robustez coa sustentabilidade medioambiental dos materiais (de cara a optimizar o mantemento). Realizarase un estudo das necesidades de xogos e formularanse as propostas contando coa participación da veciñanza dos barrios. Ademais do estrito cumprimento das normas de seguridade e accesibilidade, establécese como criterio prioritario a incorporación de áreas de xogo inclusivas e integradoras.
  2. Nas fases de instalación e remate das obras de creación dun novo parque de xogos, comprobarase o cumprimento de tódalas condicións de seguridade (montaxe, colocación, distancias de seguridade, pavimentos…), incorporando medicións por parte de laboratorios de control de calidade que validen o cumprimento das normas.
  3. Conforme á normativa europea, o Servizo de Parques e Xardíns desenvolverá unha rutina programada de inspeccións oculares que permita identificar posibles riscos evidentes derivados do uso, de actos vandálicos ou das condicións meteorolóxicas. Estas revisións serán de carácter semanal e, no caso de áreas de xogo moi frecuentadas ou afectadas polos vándalos, diario.
  4. Asemade, os servizos técnicos municipais levarán a cabo unha inspección funcional máis profunda para comprobar o funcionamento e a estabilidade dos equipamentos, coa finalidade de detectar posibles síntomas de desgaste. Estes traballos efectuaranse cunha frecuencia que variará entre un e tres meses, ou ben seguindo as instrucións do fabricante.
  5. Por último, tal e como se fixo no barrio de Monte Porreiro, realizarase unha inspección principal anual para comprobar o nivel de seguridade global dos equipamentos e dos seus alicerces, así como a presenza de podremias ou corrosión. 

Como resultado desta revisión anual poderán deseñarse obras de mantemento de maior envergadura. No caso dos parques infantís de Monte Porreiro, a Concellería de Desenvolvemento Sostible investirá 23.800 euros en instalar pavimentos sintéticos e de area, repoñer elementos deteriorados, arranxar valados de madeira ou subministrar randeeiras tipo cesto.

Iván Puentes considera que este novo protocolo permitirá “estreitar a vixilancia nos diversos aspectos que afectan á seguridade e calidade dos parques, dende a concepción e deseño dunha zona de xogos ata a súa instalación e posterior mantemento”. “As nais, pais ou coidadores dos rapaces teñen tamén un importante papel á hora de lograr que se cumpran as normas e se respecten as franxas de idade recomendadas para cada xogo. Os parques infantís -subliña o edil do PSOE- son esenciais no desenvolvemento das nenas e nenos”.