Máis de 8.000 persoas desfrutaron esta fin de semana das actividades programadas polo Tour Universo Muller

65
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, asegura que o evento “foi un éxito rotundo”, xa que “nin a choiva da última xornada impediu que a cidadanía se volcase con esta festa da muller e o deporte”

Máis de 8.000 persoas desfrutaron durante a fin de semana das actividades programadas polas distintas federacións e clubes no marco do Tour Universo Muller, un roadshow impulsado polo Consello Superior de Deportes e a Fundación Deporte Xoven co patrocinio de Iberdrola. Nunha décimo sétima edición que tiña unha especial carga reivindicativa, ao coincidir coa celebración do Día Internacional da Muller, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, calificou o evento como “un éxito rotundo”, xa que “nin a choiva da última xornada impediu que a cidadanía de Pontevedra se volcase con esta festa da muller e o deporte”.

Non obstante, pese ao mal tempo, máis de 500 persoas participaron na carreira ‘Pontevedra en Forma pola Igualdade’, o que permitiu a recadación de máis de 2.000 euros en favor da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur). O Tour deu o venres o seu pistoletazo de saída coa celebración do Foro Universo Muller, no que tiveron lugar tres coloquios en torno ao papel das mulleres no mundo do deporte, desenvolvéndose durante a xornada do sábado un maratón de fitness e actividades deportivas que, tal e como destacou o socialista Tino Fernández, “xa tiña bastante público nas primeiras horas e, ao chegar a tarde, estaban completamente ateigadas de rapazas e rapaces”.

Exhibicións de ximnasia, boxeo ou karate formaron parte dunha festa de deporte e igualdade que contou coa presenza de grandes campioas como a patinadora olímpica Sara Hurtado, a xogadora de bádminton Ana Carbón, a boxeadora Uxía Silva, a tiradora de esgrima Ana Barros e a xogadora de tenis de mesa Elisabet Cadilla, entre outras. A carreira do domingo, amadriñada pola loitadora Lydia Pérez Touriño e o tirador paralímpico Juan Saavedra púxolle o broche de ouro a esta inesquecible fin de semana, ao convocar máis de medio millar de persoas, o que, en opinión de Tino Fernández, amosa “que as mulleres e o conxunto da cidadanía non teñen un só modo de reivindicarse, senón moitos e moi variados, entre os que o deporte ocupa un lugar destacado”.

#TourUniversoMujer

COMPARTIR