O Club Waterpolo Pontevedra inicia un ciclo formativo con charlas sobre prevención da violencia machista, ética deportiva, intelixencia emocional e voluntariado

41
  • A primeira das xornadas de formación complementaria, que contan coa colaboración da Concellería de Deportes, terá lugar este venres ás 18:30 horas no salón de actos do edificio da Xunta

Un coloquio titulado ‘Intelixencia emocional: aptitude e actitude na práctica deportiva’ inaugurará o vindeiro venres 13 de marzo ás 18:30 horas no salón de actos do edificio da Xunta de Galicia (Benito Corbal, 45) o programa de formacións complementarias deseñado polo Club Waterpolo Pontevedra para este ano. A charla será impartida polo presidente do equipo pontevedrés, José Tellería, docente especializado en organización de empresas, márketing e dinámica emprendedora, e forma parte dun ciclo formativo no que tamén se inclúen xornadas centradas en ‘Ética deportiva: xogo limpo, deportividade e respecto’, ‘Voluntariado social: un paso máis na axuda á intelixencia e á sensibilización social’ e ‘Igualdade e prevención da violencia de xénero no deporte’.

Trátase do segundo ano consecutivo no que o CW Pontevedra organiza o seu programa de formación complementaria, grazas á colaboración da Concellería de Deportes e a Deputación de Pontevedra. José Tellería resume obxectivo destas charlas asegurando que “nos seus máis de 20 anos de historia, a filosofía na que se sustenta a razón de ser do clube, a a súa misión e obxectivos, máis aló da consecución de bos resultados deportivos, é que nós non so formamos waterpolistas, sobre todo formamos persoas”.

“Dende o CW Pontevedra -explica Tellería- queremos que a práctica do waterpolo conleve tamén un proceso de aprendizaxe de valores, hábitos e habilidades sociais que permitan que as nosas e nosos deportistas contribúan ao desenvolvemento dunha sociedade máis comprometida, responsable e xusta. O waterpolo educa para a vida”.

Segundo sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, aínda que as xornadas están orientadas a deportistas e familiares do clube, o equipo considera que “é unha boa oportunidade para predicar co exemplo, fomentando a responsabilidade social coa sociedade pontevedresa e, polo tanto, decidiu facelas abertas ao público en xeral”. As charlas teñen entrada de balde ata completar aforo e as inscricións poderán realizarse enviando o nome, apelidos, data de nacemento e DNI ao correo ‘info@waterpolopontevedra,com’ (as prazas outorgaranse por rigoroso orde de rexistro, comunicándose de xeito individual a cada persoa o estado e resolución da súa petición).

Programacións das xornadas

O calendario previsto inclúe a celebración dunha sesión ao mes, dende marzo ata xuño, os venres, en horario de tarde e cunha duración máxima dunha hora e media (de 18:30 a 20:00 horas). Ditas xornadas terán lugar no salón e actos da sede social do CW Pontevedra, situada no nº 45 do edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal (entrada lateral pola rúa Javier Puig), e serán impartidas por profesionais cualificados e expertos na súa temática que colaboran co equipo pontevedrés.

En principio, ademais do 13 de marzo, contémplanse as seguinte datas: 3 de abril, 8 de maio e 5 de xuño.

COMPARTIR