Un centenar de mulleres do rural galego protagonizarán este xoves unha intervención artística no marco do 8M

21
  • A edil Paloma Castro explica que os retratos, que conforman o proxecto de arte urbana máis grande do mundo, colocaranse no Consistorio, a Casa das Campás e a facultade de Belas Artes

As mulleres do rural galego son as protagonistas dunha intervención artística impulsada por 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a Concellería de Igualdade de Pontevedra co gallo do 8M. Un centenar de fotografías impresas a gran tamaño serán instaladas este xoves 12 de marzo nas fachadas dos edificios da Casa Consistorial, a Casa das Campás e a facultade de Belas Artes para visibilizar e reivindicar o esquecido e mesmo desprezado rol que as habitantes das vilas e aldeas tiveron no sostemento do desenvolvemento colectivo ao longo da historia e da cultura galegas.

Esta intervención artística efémera, que leva por título ‘Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas’, insírese dentro das accións promovidas polo proxecto colectivo de arte urbana máis grande do mundo, o Inside Out Project, creado en 2011 polo recoñecido artista francés JR e desenvolvido en máis de 1.801 localizacións de 142 países co propósito de transformar o espazo público a partir da utilización da arte de rúa como unha ferramenta de expresión comunitaria. Fiel a este espírito, un grupo de acción artística pontevedrés conformado por 25 estudantes de Belas Artes coordinados por artistas de 7H, traerá por primeira vez a Galicia a iniciativa, co fin de reivindicar a importancia do colectivo na construción identitaria e de introducir a idiosincrasia do rural e das mulleres que o habitan en espazos reservados tradicionalmente aos sectores masculinos, ilustrados e urbanos da sociedade.

Segundo explica a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, a instalación, que “ten a vontade de apoderar ás mulleres das aldeas e vilas da provincia”, nacerá cunha duración “deliberadamente efémera: iniciarase arredor das 8:30 horas da mañá e finalizará en torno ás 18:00 horas coa presenza dalgunhas mulleres retratadas”. “Todo o proceso será documentado e compartido tanto nas redes sociais como na propia plataforma web do Inside Out Project, na que se compilan tódalas accións desenvolvidas en relación ao mesmo”, avanza a edil socialista.

Dende o pasado mes de outubro, o alumnado de Belas Artes efectuou un traballo de recollida de testemuños dun centenar de mulleres de diversas idades e ocupacións da provincia de Pontevedra, ás que posteriormente retratou tentando captar a forza das súas historias de vida. O resultado deste labor de diálogo e descuberta interxeracional desvelarase este xoves 12 de marzo, cando as fotografías dos rostros das mulleres retratadas, impresas en branco e negro en formato póster, se colocarán nas paredes exteriores da facultade de Belas Artes, onde se exhibirán 72 retratos; no edificio da Casa Consistorial, que acollerá 22 retratos e na Casa das Campás, na que se situarán as restantes. 

Pontevedra, na vangarda da arte urbana internacional

Coa realización do proxecto ‘Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas’, Pontevedra pasará a formar parte dunha plataforma global na que calquera colectivo que o desexe pode converter o espazo público no seu soporte de expresión. Gañador do TED Prize en 2011, Inside Out Project leva nove anos transformando ás rúas de medio mundo en galerías de arte ao arte libre través de procesos participativos baseados no uso da fotografía. Edificios, muros e espazos singulares de cidades de cidades como Shangai, Nova Iorque, Berlín, Los Ángeles, Belén ou La Habana acolleron a instalación de fotografías de rostros, anónimos e expresivos, transformadas en vehículos de todo tipo de preocupacións e demandas: dende a esperanza da reconciliación en comunidades castigadas por conflitos civís até demandas de dereitos laborais ou lembranzas de tempos pasados.

COMPARTIR