Arranca o proceso para determinar a Pontevedra do futuro

29
  • A Concellaría de Promoción da Cidade encarga un estudo á asociación Ágora Urbana dependente do IBEI para “pensar cara onde quere ir a cidade”.
  • O equipo está liderado por Joan Clos que leva varios días na cidade mantendo encontros sectoriais para coñecer a realidade de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra contará coa colaboración da asociación Ágora Urbana pertencente ao Instituto de Barcelona de Estudos Internacionais (IBEI) co que colaboran varias universidades catalanas (Pompeu Fabra, Autónoma…) para determinar o que será a Pontevedra do futuro, e pensar cara onde quere ir a cidade. Este equipo de investigadores está liderado polo doutor, ex ministro e ex alcalde de Barcelona Joan Clos, que hoxe visitou ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade e impulsora do proxecto, tras a reunión que explicou que esta asociación traballará man a man coa Universidade de Vigo, co equipo do profesor Pedro Figueroa, para analizar tanto os datos do Observatorio urbano de Pontevedra como os que se obteñan do observatorio ambiental Efecto PO2 posto en marcha hai unhas semanas, e realizar unha estratexia global de actuación.

“A Pontevedra do futuro vai máis aló do modelo e da dimensión estética do que tan orgullosos estamos, temos que empezar a captar talento”, explicaba a concelleira quen traballa por converter a Pontevedra “nun polo de atracción, nun criadeiro de talento para ter proxección exterior”.

O equipo de Ágora Urbana está en Pontevedra dende hai uns días. A Joan Clos o acompaña o urbanista e arquitecto neoiorquino David Brito, participante no estudo de caso de Pontevedra.

Durante estes días manteñen encontros sectoriais para coñecer o desenvolvemento da cidade ademais do modelo, os proxectos do transporte a demanda, do monte, a compostaxe…

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que “para sacar a maior rendibilidade, queremos contar coa xente de primeiro nivel que está trabando neste eido”, en relación a Joan Clos, e afirmou que é preciso “profundar e escoitar as propostas da xente máis dinámica do Estado e do mundo”.

Pola súa banda, Joan Clos manifestou que “en Pontevedra tendes moito andado coa transformación e posta en valor do espazo público que traslada dignidade e prosperidade social e económica, que non figuran nas leis urbanas”.

O custe desta colaboración está aínda por concretar en función do traballo que realice o equipo, pero a concelleira de Promoción da Cidade xa adiantou que o tope máximo será un contrato menor de 15.000 euros.

COMPARTIR