‘Noites Abertas’, tendencia de ocio alternativo na Vogue

5
  • Recolle o programa nocturno pontevedrés nunha listaxe de ‘plans inmellorables de ocio para marzo e abril que NON son en Madrid nin en Barcelona’ 
  • Salienta a variedade de actividades que o Concello de Pontevedra lle oferta á xente moza para que “ningún plan de fin de semana sexa igual que o anterior”

A revista de moda e tendencias ‘Voque’ recolle na súa versión web unha listaxe de ‘plans inmellorables de ocio para marzo e abril que NON son en Madrid nin en Barcelona’ e que inclúe o programa do Concello de Pontevedra ‘Noites Abertas’. No artigo, salientan especialmente a variedade de actividades destinadas a xente moza para que “ningún plan de fin de semana sexa igual que o anterior”, ao tempo que ofrecen os datos básicos do programa: que está dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, que está activo todos os venres e sábados do primeiro semestre do ano de oito da tarde a doce da noite, e que inclúe desde deporte e música ata ioga ou roteiros en kayak baixo as estrelas. 

“Non esquezamos que Noites Abertas é un programa auspiciado desde o Servizo de Xuventude polo que estamos falando de que o ocio alternativo en galego é tendencia e exemplo a nivel estatal” indica o concelleiro responsable da área, Alberto Oubiña, ao tempo que engade que “Pontevedra, que xa leva tempo sendo referencia en campos relacionados coa mobilidade e co modelo urbano, vai sumando novas áreas de referencia. Traballar coa mocidade, poñendo sempre por diante as nosas propias potencialiadades e os nosos sinais de identidade, é sinónimo de éxito ano tras ano”.  Neste sentido, Oubiña lembra que o programa Noites Abertas xa fora recoñecido como boa práctica en xestión cultural no an 2018 por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

A listaxe de ‘plans inmellorables’ está enfocada a visiblizar a riqueza e variedade de plans culturais e de ocio en todo o Estado, máis aló ds que se ofertan nas consideradas as dúas grandes cidades -Madrid e Barcelona, e nas que se soen centrar habitualmente as axendas dos medios. Así, ademais de Noites Abertas, inclúe a exposición ‘Genealogías del Arte o la Historia del Arte como arte visual’ no Museo Picasso de Málaga; o espectáculo ‘Mujeres cantan a Lole, homenaje a Lole Montoya’ no Cartuja Center de Sevilla; os concertos de Amaia Romero no Auditorio de Zaragoza e no Auditorio e no Centro de Congresos Victor Villegas de Murcia; a mostra ‘Transformaciones. Mujeres artistas entre dos siglos’ no Espacio Cultural CajaCanarias de Tenerife; os concertos de Bad Gyal en Valencia, Pamplona, Bilbao, Sevilla, Xixón e A Coruña; a cuarta edición de Plastic Festival no Recinto de conciertos El Ejido, Almería; o Festival de l’horta Turia na Masía de San Antonio de Benifaió de Valencia; e a exposición ‘Lygia Clark. La pintura como campo experimental, 1948–1958’ no Museo Guggenheim Bilbao.

Ligazón:

https://www.vogue.es/living/articulos/planes-ocio-para-marzo-y-abril-en-toda-espana
COMPARTIR