O departamento de Mantemento de espazos públicos atenderá a máis de 370 rúas da área urbana

57
  • O servizo pon en marcha labores de sostemento logo de deixar atrás as chuvias do inverno que incidiron negativamente nos pavimentos e na iluminación, principalmente.
  • A cidade está dividida en once áreas nas que se traballará até despois do verán, para acadar a excelencia dos espazos públicos.

O departamento de Mantemento dos espazos públicos comezará a traballar na vindeira semana no sostemento de 370 rúas da zona urbana do municipio, unha vez que se van reducindo as emerxencias e urxencias derivadas do inverno. 

A concelleira responsable do servizo, Eva Vilaverde explicou esta mañá que “chegado o mes de marzo podemos empezar a traballar a fondo nos espazos públicos” xa que durante o duro inverno pasado “o tempo non nos permitiu traballar como nos gustaría”, e recoñeceu que a copiosa chuvia dos últimos meses incidiu negativamente nos pavimentos e na iluminación do casco urbano.

Até o de agora o departamento se centrou en atender as emerxencias e urxencias coa axuda das brigadas municipais “que están a facer un traballo encomiable” con quendas de traballo de mañá e tarde, “pero agora é preciso un reforzo para rematar as urxencias do inverno e poder empezar a traballar na programación prevista e tamén na prevención”.

Nova imaxe do Departamento de Sostemento de Espazos Públicos.

Para facer este traballo, a Concellaría dispón dun novo contrato de Sostemento dos espazos públicos que xestionará a empresa Covsa por un orzamento de 450.000 euros, que xunto ás brigadas atenderán a cidade dividida en zonas. A atención a estas zonas seguirá criterios políticos como a priorización das zonas peonís fronte ás do tráfico rodado, e criterios técnicos como o tipo de pavimentos, mobiliario…

A cidade foi divida en 11 zonas (incluidas Estribela e o caso urbano de Ponte Sampaio) e máis de 370 rúas onde se farán pequenos traballos de reparación de lousas, farois, mobiliario…

O servizo dispón dunha aplicación de coordinación interna que xa está feita para que sexa máis áxil e permita coordinar as brigadas municipais coa empresa concesionaria e os servizos técnicos, que atenderán dous tipos de actuacións: as non programadas que se corresponderían coas emerxencias e as urxencias, e coas programadas que formarían parte das actuacións previstas e das de prevención.

O departamento disporá de información procedente da páxina web municipal que nos últimos dous anos recibiu 750 avisos dos veciños e veciñas, así como da Policía Local a través dos partes por caídas no espazo público ou por avisos, e de todos e todas aqueles que se dirixan aos propios servizos técnicos a informar das avarías.

O novo servizo disporá, ademais, dunha nova imaxe que recolle o Efecto PO2 para transformarse en MEU (Mantemento de Espazos Urbanos) PO2, deixando sentir no seu ADN a defensa polo medio ambiente e a aposta pola calidade de vida.