O Concello suspende as actividades e pecha as instalacións de xestión municipal

4

Salón do Libro, Ponteandadas, Noites Abertas, programas de memoria para maiores… súmanse ao peche de instalacións como o Teatro Principal, Pazo da Cultura, centros deportivos de xestión municipal, locais sociais…

Son medidas preventivas para evitar a propagación do coronavirus no ámbito local.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá despois da convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para explicar as medidas que o Concello incorporou ao protocolo en marcha dende hai dúas semanas pola pandemia de coronavirus: suspensión de todas as actividades municipais organizadas directamente polo Concello e peche das instalacións de xestión directa municipal.

Nesta medida entra a suspensión do Salón do Libro con carácter inmediato, as Noites Abertas, o programa Apego, as actividades sociais de Benestar Municipal, Ponteandadas…

E súmase o peche das instalacións de xestión directa municipal como o Pazo da Cultura, o Teatro Principal, os campos da Xunqueira, os pavillóns municipal e Multiusos, locais sociais…

No tocante ao cadro de persoal municipal, o alcalde explicou que esta tarde haberá unha reunión do comité de coordinación integrado polas concelleiras de Protección Cidadá, Réxime Interior e Persoal, os directores xerais de Protección Cidadá e Recursos Humanos e o técnico de Seguridade e saúde do Concello para concretar medidas de conciliación familiar (agora que está suspendidas as aulas), posibilidades de teletraballo, posibilidade de realizar quendas de mañá e tarde para evitar a concentración de moitas persoas nas oficinas municipais…

Así como outras medidas que teñen que ver coa atención ao público nas distintas dependencias municipais: Rexistro Municipal, servizo de Urbanismo, Xestión Tributaria…

Todas estas medidas serán trasladadas mañá á Xunta de persoal.

Evitar o contaxio local

O alcalde reiterou esta mañá que “seguimos estando a disposición das autoridades sanitarias e políticas que corresponda”. Trasladou os “parabéns aos traballadores da sanidade que están facendo o seu labor moi ben” e advertiu que “o feito de que se supriman os colexios ou as actividades non supón que a xente se bote á rúa”.

Apelou á responsabilidade dos pontevedreses en adoptar as medidas individuais que permitirán paliar o contaxio local do coronavirus como a limpeza de mans, evitar o contacto coas persoas inmunodeprimidas ou de idade, evitar as aglomeracións…

Lembrou que “estamos diante dun virus ao que a poboación xeral non ten inmunidade e somos susceptibles de contaxiarnos” polo que “do que se trata é de que os picos de contaxio non sexan moi grandes; buscamos tratar de atrasar a curva de contaxio”.

Fernández Lores lembra ás recomendacións das autoridades sanitarias: no caso de presentar síntomas (tos, febre, malestar…), quédese na casa ou chame ao teléfono 900 400 116 “pero que non saian á rúa porque aumentaría as posibilidades de contaxio”, explicou.