A ofensiva de Medio Natural contra os vehículos abandonados tradúcese en dez novos requirimentos de retirada e a declaración doutros tres coches como residuos sólidos urbanos

19
  • O Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental ten activos nestes momentos 79 expedientes por denuncias da Policía e a Garda Civil, 66 deles abertos entre este ano e o pasado

A ofensiva anunciada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para sacar os vehículos abandonados das vías públicas de Pontevedra non se está a facer esperar. O edil socialista asinou nos últimos días ata dez novos requirimentos de retirada de coches en estado de abandono e tres declaracións de automóbiles como residuos sólidos urbanos emitidos dende o Servizo Municipal de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental a partir de denuncias da Policía e a Garda Civil.

No caso dos requirimentos, trátase dun paso previo imprescindible para que os automóbiles cheguen a recibir o tratamento de residuos sólidos urbanos e que, deste xeito, se poida proceder á súa descontaminación, destrución e baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. Segundo apunta Iván Puentes, cos novos requirimentos tramitados, o Concello de Pontevedra ten activos nestes momentos 79 expedientes pola presenza de vehículos abandonados en distintos puntos do municipio, dos que 66 abríronse entre este ano e o pasado. 

“Para o meu departamento -subliña o concelleiro de Medio Natural- é unha prioridade acabar con estes auténticos focos de contaminación e insalubridade, polo que animo a toda a cidadanía a colaborar con nós na súa detección e eliminación. Son expedientes que teñen o seu tempo de tramitación, xa que, antes de proceder á retirada e tratamento como residuo sólido urbano, é necesario localizar ao propietario e requirirlle que o retire”.

Os últimos requirimentos incoados son o resultado de nove denuncias efectuadas por axentes do Corpo da Policía Local e unha da Garda Civil  entre finais de xaneiro e principios de marzo, todas elas pola presenza de coches en evidente estado de abandono na vía pública durante un período prolongado de tempo: un Ford Escort na rúa Doce de Novembro; un Peugeot 306 en Augusto García Sánchez; un Citroën ZX en Padre Fernando Olmedo; un Suzuki Grand Vitara en Juan Bautista Andrade; un Seat Ibiza á altura do km. 85.85 da estrada nacional N-541; un Peugeot 306 en Eduardo Pondal; un Opel Frontera na avenida de Lugo; un Fiat Uno 60 na rúa Francisco Añón; un Audi A4 na rúa María Victoria Moreno, e un Ford Fiesta en Ángel Amor Ruibal.

Teñen 15 días para retiralos ou entregalos nun centro autorizado

Tal e como explica Iván Puentes, en tódolos casos tense constatado “o estado de falta de conservación e os sinais de abandono” dos coches e requiríuselle aos propietarios “que no improrrogable prazo de 15 días (dende a notificación) procedan á súa retirada ou á entrega nun centro autorizado de tratamento ou instalación de recepción regulado no Real Decreto 20/2017”. “No requirimento -precisa o socialista- advírteselle de que, pasado o citado período de tempo sen dar cumprimento ao requirido, esta Administración poderá adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que prevé sancións de entre 603 e 31.000 euros (en supostos de infracción grave), procedendo ademais á retirada do vehículo polo guindastre e dándolle o tratamento de residuo sólido urbano”.

Durante este prazo de 15 días, os propietarios poderán formular as alegacións que estimen pertinentes ou presentar renuncia do vehículo, para o que se facilitará modelo no Concello, achegando copia do DNI e documentación do coche. 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible tamén asinou esta semana tres expedientes de declaración de vehículos abandonados nas vías públicas como residuos sólidos urbanos: un Peugeot 307 no lugar da Barcia (Marcón) e un Daewoo Kalos e un Ford Transit Connect, ambos no lugar de A Meán (Os Praceres). Estas declaracións foron o resultado dos partes efectuados pola Policía Nacional e a Policía Local a finais do ano pasado e permiten dispoñer a entrega dos coches á firma Automociones Catoira SL, centro homologado para a súa recepción e o seu tratamento como residuos sólidos urbanos.

A empresa deberá expedir un documento xustificativo da recepción dos automóbiles e emitir os correspondentes certificados de descontaminación e destrución, tramitando a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico.

Os supostos para abrir expediente

O artigo 106 do texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria establece que a Administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fose inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións; cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses. 

COMPARTIR