O Concello fai un chamamento á tranquilidade aos veciños e veciñas ante as compras de alimentos

1

A Policía traballa no control de aglomeracións, na distribución de alimentos no comedor social e atendendo chamadas sobre o réxime de apertura para o pequeno comercio.

O Concello pide tranquilidade aos veciños e veciñas de Pontevedra ante a situación de alerta sanitaria (estado de alarma e emerxencia sanitaria) decretadas polas administracións do estado e autonómica. Tal é así que pide que non se produzan aglomeracións nos establecementos de alimentación, especialmente, nos supermercados que estarán abertos durante esta crise e abastecidos en todo momento.

O Concello pide responsabilidade e solidaridade aos pontevedreses e destaca o traballo dos profesionais da alimentación que nestes días están a realizar un labor social sen precedentes.

Dende o Goberno Local se fai un chamamento a un consumo racional e normal, como calquera outro día, xa que as aglomeracións rexistradas durante toda a semana, e especialmente, na xornada de hoxe non contribúen a respectar as medidas sanitarias decretadas. Estas prácticas conseguen o efecto contrario xa que supoñen unha grande cantidade de persoas xuntas a escasa distancia, co risco que supón.

A Policía Local, a disposición da Policía Nacional, trata de controlar as aglomeracións a estes centros de compra de alimentos da cidade, e regula a recollida de alimentos no Comedor de San Francisco, pechado pero que entrega fiambreiras ante a ausencia de voluntarios.

Por outro lado, durante a noite fixo un seguimento dos locais de lecer (a maior parte xa estaban pechados) para que a partir das 00.00 horas baixasen as persianas.

Tamén atendeu numerosas chamadas para coñecer o réxime de apertura dos establecementos na xornada de hoxe.