O Concello habilita unha web para ofrecer información local sobre o Covid-19

8

Recolle as recomendacións xerais de sanidade, o bando de Alcaldía co cese e peche de actividades e instalacións municipais, e un directorio dos departamentos municipais para fomentar o uso das xestións e trámites telemáticos.

Tamén están incorporadas as páxinas web do Ministerio de Sanidade e do Sergas.

Relativo ao ámbito laboral municipal, pódense descargar as circulares internas do persoal así como as medidas de prevención de riscos.

O Concello de Pontevedra habilitou nas pasadas horas unha páxina web na que se recolle información para os veciños e veciñas de Pontevedra e para o persoal municipal sobre a pandemia do Covid-19. Ademais, reforzou a presenza da información sobre o coronavirus nas redes sociais de Pontevédrate.

A páxina web www.pontevedra.gal/covid-19 recolle dous tipos de información: a xeral destinada a toda a cidadanía e a relativa aos profesionais que traballan no Concello de Pontevedra.

Ao respecto da información xeral, plásmanse as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias sobre a pandemia: síntomas, protocolo de actuación, teléfonos de contacto, que facer nos casos máis graves…

Tamén recolle o bando municipal ditado polo alcalde na xornada de onte no que se ordena o peche de todas as instalacións municipais de xestión directa, así como o cese de todas as actividades organizadas polo Concello. Tamén se acorda impulsar as xestións telemáticas dos veciños e veciñas de Pontevedra coa administración recomendando que se fagan todas as consultas e trámites por teléfono ou por vía telemática a través da sede electrónica (sede.pontevedra.gal).

Para este propósito a web disporá dunha guía telefónica dos departamentos municipais con atención ao público para que poidan dirixirse aos servizos que o precisen. Esta guía está en proceso de elaboración e será visible na citada web ao longo da mañá.

Destinados á poboación xeral tamén son os enlaces coas páxinas co Ministerio de Sanidade onde se recollen pormenorizadamente consellos, recomendacións e contestación a dúbidas sobre a pandemia e como proceder; así como a habilitada polo Sergas, con contidos similares.

A páxina web tamén ten unha parte específica relativa ao persoal municipal coas instrucións e recomendacións nos centros de traballo. Está incorporada a circular interna aprobada e remitida onte a todos e todas as traballadoras, así como o protocolo aprobado polo servizo de Prevención de riscos laborais especificando as medidas de prevención que han de estar operativas en cada un dos departamentos.

Esta web irase completando e ampliando con información co paso das horas, debido ao cambiante da situación. En breve se subirá un vídeo coas normas en lingua de signos e tamén está encargado o bando do alcalde en braille que estará a disposición da poboación o luns.

Ao mesmo tempo, o Concello vén de reforzar a presenza da alerta sanitaria nas súas redes sociais (Pontevédrate), especialmente Facebook e Twitter, onde se irá achegando información para manter informados aos case 15.000 seguidores de Facebook e aos máis de 3.500 de Twitter. Tamén empregará Instagram como vía de comunicación oficial na medida das posibilidades que ofrece esta canle de comunicación.

COMPARTIR