O Concello céntrase na xestión do estado de alarma

22
  • Reforza os servizos de limpeza e desinfección de espazos públicos, o de recollida de lixo e mantén abertos e en funcionamento os composteiros comunitarios
  • Establece un protocolo para garantir a atención ás familias vulnerables usuarias do comedor escolar a través de entregas diarias no comedor de San Francisco
  • Mantén o peche da atención ao público para trámites administrativos e redobra o persoal para atención telefónica ao tempo que lembra que permanece activa a Sede Electrónica

O reforzo do servizo de limpeza, de recollida de lixo, a atención a colectivos vulnerables e a tramitación administrativa a través da Sede Electrónica centran os principais esforzos do Concello na xestión do estado de alarma decretado polo Goberno estatal para conter a crise sanitaria por mor do coronavirus. A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, fixo un balance da situación a través dunha comparecencia de prensa non presencial (de acordo coas esixencias de seguridade recollidas no mencionado decreto), para explicar as principais medidas adoptadas.

“No que corresponde ao funcionamento ordinario do Concello estamos tendo reunións, non todas presenciais, para ver que, na medida do posible, o funcionamento dos servizos que entendemos como esenciais sigan funcionando” asegurou Gulías. 

Entre estes servizos esenciais mencionou en primeiro lugar o de limpeza, cuxa empresa concesionaria “está reforzando o servizo utilizando desinfectantes para garantir a seguridade e salubridade nas zonas con máis concentracións de persoas”. Explicou que, tal e como estaba previsto, esta mañá xa comezaron os traballos de limpeza e desinfectación dos espazos públicos, con especial incidencia en lugares como centros sanitarios ou supermercados. 

En segundo lugar, referiuse ao servizo de recollida de residuos. Neste sentido, asegurou que se vai intensificar a recollida na medida do posible para atender á acumulación que se puidese producir por causa do confinamento nos domicilios e indicou que se manteñen abertos e en funcionamento os composteiros comunitarios. Tamén lembrou que se está prestando atención específic ao lixo xerado por doentes de coronavirus que teñen un protocolo para garantir que o virus non se propague: as persoas afectadas deben depositar seu lixo nunha bolsa aparte e pechada diferente a do resto da familia e no momento en que estean confirmados os positivos, deberán poñerse en contacto coa Policía Local que será a encargada de avisar á empresa concesionaria do lixo que recollerá a bolsa á porta do seu domicilio a partir das 22.00 horas. Os traballadores e traballadoras do servizo de lixo acudirán con traxes especiais á recollida destes residuos para evitar a contaminación. 

Benestar Social 

Entre os servizos esenciais, Anabel Gulías tamén citou os Servizos Sociais e neste apartado asegurou que ao longo da mañá de hoxe se estivo traballando en “protocolos que garantan a normal asistencia ás persoas especialmente vulnerables”. Salientou que ante o peche dos comedores escolares, os arredor de cen nenos e nesas usuariso de Servizos Sociais becados en comedores disporán do servizo a través dun reparto en packs, garantindo os protocolos de seguridade e hixiene, no comedor de San Francisco e a horas diferentes de recollida a dos usuarios diarios do comedor. 

En canto á actividade administrativa, a portavoz lembrou que mediante decreto de Alcaldía xa o domingo se estableceu o peche á atención presencial no Concello, atendendo ao decreto de alarma do Estado español que na súa disposición adicional terceira inclúe a suspensión de prazos. “Sen embargo entendemos que o Concello é unha fonte de información para todos os veciños e veciñas e por iso abrimos a vía de comunicación telefónica e telemática para responder calquera dúbida que teñan os cidadáns e que poidamos resolver”, asegurou. Para dar solución á previsible intensificación de chamadas, o Concello redrobará a o persoal tanto en centraliña como en servizos ordinarios. Gulías lembrou que a sede electrónica permanece aberta as 24 horas para realizar trámites telemáticos con normalidade. 

En canto á organización interna do Concello, estase procedendo a unha organización do traballo que garanta as medidas de seguridade para traballadores e traballadoras e que 

permita o funcionamento axeitado da Administración, a través da flexibilización do horario laboral, da organización de quendas e do teletraballo. 

As obras municipais de xestión externa (contratacións) permanecen co ritmo habitual de traballo e manteñen os prazos previstos de remate, sempre tendo en conta que a situación pode cambiar en horas. 

Doutra banda, tamén informou que o alcalde da cidade contactou coa subdelegada do Goberno para poñer á súa disposición todos os medios e corpos de seguridade municipais.  

Estar á altura das circunstancias

Por último, Anabel Gulías fixo un chamamento “á xente da cidade para que manteña a calma”. Asegurou que “son momentos difíciles para todos e para todas pero é importantísimo estar á altura das circustancias” e que “temos a responsabilidade e tamén a solidariedade para acabar con este virus o antes posible”. Insistiu en que é necesario que “volvamos dar exemplo” e que “Pontevedra quedará na casa e todos xuntos e xuntas resolveremos a situación”. 

Tamén fixo referencia a todas as accións de información e advertencia realizadas pola Policía Local durante a fin de semana para evitar aglomeracións de persoas e velar polo cumprimento do decreto de alarma. Lembrou que onte se produciu unha denuncia en relación con este tema, e pediu “o máximo respecto para a xente que está traballando nos corpos de seguridade porque están traballando para garantir a seguridade de todos e de todas”.

COMPARTIR