Desenvolvemento Sostible realiza traballos de mantemento e restauración nos parques infantís de Campolongo, Pasarón e Maruxa Mallo

29
  • A Concellería que dirixe Iván Puentes aproveita estas xornadas de corentena para efectuar labores como a reparación de valados, o arranxo de pezas ou a reposición e limpeza de céspede

Tralo peche de tódolos parques infantís do municipio decretado polo Concello de Pontevedra con motivo da ameaza sanitaria do Covid-19, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está a centrar os seus esforzos en garantir o seu perfecto estado de conservación e seguridade neste período fóra de uso. Así, durante estas primeiras xornada de corentena, o departamento que dirixe Iván Puentes está a acometer actuacións de mantemento e reposición de diversos elementos rotos ou en mal estado nas zonas de xogo e lecer de Pasarón, Campolongo e Maruxa Mallo.

Segundo explica o edil do PSOE, no caso do parque infantil de Pasarón, trátase dunha actuación de carácter provisional destinada a “asegurar que, unha vez finalice a clausura polo coronavirus e mentres non se acometa o proxecto de rehabilitación que está previsto para toda a praza, se poida seguir usando con normalidade e en condicións de seguridade”. As obras supoñen un investimento duns 3.000 euros e inclúen a reparación dos valados da zona de xogos e do estanque, a restauración dos elementos de madeira e a reposición, ‘peiteado’ e limpeza do céspede artificial.

Iván Puentes ten a intención de que, no prazo duns meses, o espazo poida ser obxecto dunha reordenación, coa finalidade de aumentar o seu emprego por parte da cidadanía, renovándose por completo o actual parque infantil, e substituíndo tódolos elementos de xogo, o seu peche perimetral e o seu chan. “Dada a actual situación de incerteza, non sabemos canto se podería prolongar a tramitación deste proxecto, polo que vemos procedente garantir que, mentres non se poida executar, o parque estea en boas condicións”, sinala o socialista.

O Servizo de Parques e Xardíns tamén levou a cabo labores de mantemento no parque de Campolongo, onde se repuxeron algunhas pezas da tirolina que estaban rotas ou en mal estado e restaurouse parte do céspede. Asemade, arranxouse unha randeeira que tiña un poste roto na área de xogos situada na rúa Pintora Maruxa Mallo grazas a unha achega duns 1.000 euros.

COMPARTIR