O Concello mantén a actividade imprescindible para non paralizar a economía local

38
  • En todo momento se esixe e se vela pola seguridade do persoal, tanto municipal como de empresas adxudicatarias
  • Mantéñense activas todas as obras urbanas, agás as de investimento realizadas por Viaqua
  • Tan só se suspenden as mesas de contratación que implican acceso de público externo ao Concello, as demais seguen realizándose con normalidade

O Concello de Pontevedra, no marco da adaptación ao requirido no Real Decreto de alarma, está reorganizando o funcionamento dos servizos co obxectivo de manter a actividade imprescindible e evitar a paralización da economía local. Neste sentido, a nivel interno os servizos considerados críticos ou esencias manteñen o seu total funcionamento a través de flexibilización horaria, quendas e teletraballo; mentres que os servizos considerados non esenciais manteñen o seu funcionamento cun cuarto do persoal traballando. En todo caso, no funcionamento dos servizos estase priorizando a seguridade e as condicións de saúde dos e das traballadoras, para o que se facultou aos xefes e xefas de servizo coas competencias necesarias para tomar as decisións oportunas á hora de salvagardar todos os criterios de seguridade obrigatorios.

Considéranse servizos esenciais ou críticos os seguintes:

– Corpo da policía local.

– Servizo de Extinción de Incendios.

– OTAP.

– OTMAIES. 

– Benestar Social. 

– Cemiterios.

– Mercados. 

– Intervención.

– Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade.

– Órgano de Tesourería e Xestión Tributaria. 

– Servizo de Contratación.

– Servizo de Secretaría e Asuntos Xerais, excepto a Sección de Servizos Compartidos.

– Servizo de Informática.

– Asesoría Xurídica.

Mesas de contratación e obras

Entre a actividade municipal suspendida con motivo do Real Decreto de alarma cóntanse as Comisións e os Plenos, mentres que se mantén a celebración semanal das Xuntas de Goberno. 

Sobre as mesas de contratación, quedan suspendidas aquelas que implican o acceso e presenza de público externo ao propio Concello como sería o caso das que se convocan para a apertura de sobres e documentación das empresas. Mentres, mantéñense con normalidade aquelas que están en fase de proposta de adxudicación.

Ademais, neste momento estanse a revisar todos os contratos un por un para determinar a situación na que se atopan, de cara a tomar decisións sobre a súa continuidade, modificacion ou supensión. Ao longo dos vindeiros días poderase ofrecer información sobre cales se manteñen e en que circunstancias.

En canto ás obras urbanas, polo momento, mantéñense todas en activo, agás as de investimento de Viaqua por decisión da propia empresa. Neste momento estase velando por que os traballadores que participan nas obras manteñan as condicións de seguridade e hixiene, polo que os sevizos técnicos municipais estanse poñendo en contacto cos coordinadores de seguridade e hixiene das empresas co obxecto de que garantan o cumprimento destas medidas.

Reforzo centraliña

A atención telefónica do Concello foi reforzada para dar atención á cidadanía e transferir as consultas e trámites aos servizos municipais esenciais ou críticos. Todas as chamadas ao Concello son respondidas, de entrada, cunha comunicación gravada na que se lembra que de acordo co Real Decreto 463/2020 quedan suspendidos e se interrompen os prazos de tramitación co sector público. Tras esta mensaxe, se a persoa que chama o desexa pode falar coa centraliña do Concello que atenderá as súa consulta ou a remitirá ao servizo correspondente. 

COMPARTIR