O Concello habilita unha bolsa de voluntariado específica para a crise sanitaria

494
  • Está coordinada a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pontevedra 
  • As persoas que desexen participar deben inscribirse telefonicamente no número de Protección Civil, e esperar a ser requiridas en función da carga de traballo
  • Realizaranse tarefas relacionadas coa entrega compras de primeira necesidade, reparto a usuarios do Banco de Alimentos ou atención no comedor do albergue Raíña da Paz

As concellarías de Benestar Social e Protección Cidadá veñen de establecer un protocolo para crear unha bolsa de voluntariado específica para atender as necesidades básicas de colectivos vulnerables durante a crise sanitaria. Así, todas as persoas que desexen  formar parte desta bolsa deben inscribirse telefonicamente chamando ao número de Protección Civil (986 87 11 88) entre as 10h e as 20h, para posteriormente ser chamadas en caso de que sexa necesario.

A concellaría de Protección Cidadá é a encargada de coordinar todo o operativo, co obxecto fundamental de atender as necesidades de colectivos vulnerables e de persoas maiores que viven soas e que precisan aprovisionamento de recursos básicos. As persoas que precisen asistencia (ben porque sexan maiores, pertenzan a grupos de risco ou outras circunstancias) deben canalizar as súas demandas a través dos teléfonos do servizo de Benestar Social (986 85 03 98 e 986 84 83 34) en horario de 8h a 20h.

Protección Civil encargarase da recollida dos pedidos e do seu almacenamento provisional. Para proceder ao reparto, porase en contacto coas persoas voluntarias para realizar as entregas, que se realizarán sen entrar en contacto directo coas persoas que permanecen nos seus domicilios. Nos repartos que se realicen en domicilios do rural tamén participarán persoas voluntarias de cada lugar que, en vehículo, guiarán ao persoal repatidor cara aos domicilios demandantes da axuda.

Ademais dos repartos de produtos básicos en domicilios, as persoas que formen parte desta bolsa específica de voluntariado tamén poden ser requiridas para realizar tarefas de reparto aos usuarios do Banco de Alimentos, no servizo de comedor no albergue Raíña da Paz, ou outras que vaian xurdindo en función das necesidades.

A todas as persoas voluntarias se lles explicará pormenorizadamente cales son as medidas de prevención, seguridade e hixiene que deben adoptar en cada unha das tarefas que realicen.