O Concello recibe material de protección da comunidade chinesa de Pontevedra

61
  • Máscaras, solución hidro-alcólica, alcol e guantes foron os produtos achegados onte pola tarde, que recolleu a Policía Local. Tamén entregaron material deste tipo: PXA BodyArt e Stay Gold Tattoo.
  • O Concello habilita a Protección civil para canalizar os numerosos ofrecementos de material, alimentos… que está a recibir nestes días.

O Concello de Pontevedra recibiu onte un lote de material de protección doado pola Asociación da Comunidade chinesa de Pontevedra. Foi recibido pola tarde pola Policía Local, que agradeceu en nome do Concello e dos pontevedreses esta entrega importantísima para seguir cumprindo as directrices do Estado de Alarma.

A doación consistiu en máscaras, botes de solución hidro-alcólica, alcol e guantes de traballo, que permitirán ao Concello reforzar as existencias dos corpos de seguridade: Policía Local, Bombeiros e Protección Civil -os máis expostos nesta crise sanitaria-, así como completar a dotación para o corpo de voluntarios e outros servizos en permanente atención cidadá.

O Concello quere agradecer a implicación dos veciños e veciñas chinesas con Pontevedra neste momento de crise sanitaria, xa que tamén fixeron entregas noutras institucións. O Concello tamén quere facer extensivo este agradecemento ás entidades PXA BodyArt e Stay Gold Tattoo que nesta semana entregaron material de protección co que xa se está a traballar.

De sobra é coñecido que este material está sendo moi escaso nestes días de confinamento, e resulta complicado de conseguir, incluso, para as administracións. De feito, o Concello solicitou ante a Subdelegación do Goberno EPIs para completar a dotación dos servizos municipais de atención ao público, petición que non puido ser satisfeita ante a gran demanda e as prioridades sanitarias.

Son moitas as doacións e ofrecementos que nesta semana recibiu o Concello de Pontevedra por parte de particulares e empresas. Ante esta elevada oferta, o Concello quere canalizar todas as peticións para darlles a saída técnica acaída a través de Protección Civil. As persoas interesadas poderán chamar ao número 986 87 11 88 en horario de 10.00 a 20.00 horas.

Eva Vilaverde, concelleira de protección cidadá.