O Concello recompila unha oferta de formación e entretemento para o confinamento

83
  • Está incluída dentro da páxina que recolle toda a acción municipal na crise sanitaria www.pontevedra.gal/covid-19
  • Son as propostas da Concellarías de Xuventude e Normalización Lingüística en distintos eidos: formación, visitas virtuais, visionados, para as crianzas ou viaxes virtuais.

O Concello de Pontevedra, a través dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística, vén de publicar na páxina web habilitada pola emerxencia sanitaria do COVID-19 www.pontevedra.gal/covid-19 un nutrido grupo de propostas dixitais dirixidas a todos os públicos e todas as idades, coas que continuar formándose, entretendo aos máis cativos, gozar das artes escénicas ou facer viaxes virtuais por distintos puntos do planeta.

O propósito desta oferta é tratar de facer máis levadeiro o confinamento nos domicilios, tendo en conta que, a falta de confirmación oficial, pode chegar a ampliarse.

Esta é unha primeira proposta destes dous departamentos que o Concello tratará de ampliar en vindeiras datas con novas incorporacións.

A pestana da web que leva por título é Propostas de formación e entretemento, e está dividida en distintos ámbitos de consulta:

  • Formación: das universidades da USC, de Valencia, da Carlos III, da Uned, páxinas de matemáticas, portal das palabras…
  • Lecturas: da AELG, a Biblioteca virtual galega, poesía galega contemporánea, GCiencia, Biblioteca dixital Mundial da Unesco…
  • Visionados: novo cinema galego, documentais en Nós televisión, teatroteca ou 65 filmes de Chaplin, entre outros
  • Visitas virtuais: o Consello da Cultura Galega, Gallería Uffizi, Museos Vaticanos, Arqueolóxico de Atenas, Louvre, Prado…
  • Para as crianzas: canle divulgativa de Xacobo de Toro, o portal das palabras, aulas galegas, o Salón do Libro, Orella Pendella, xogos tradicionais…
  • Viaxes virtuais: por Yosemite, Machu Picchu, Petra, Xapón, Rio de Xaneiro ou Stonehenge, entre outros