O Concello ofrece aloxamento individual ao persoal que convive con persoas de risco

166
  • Esta opción está pensada para traballadoras e traballadores públicos de servizos esenciais e que acuden a diario aos seus postos de traballo
  • O Concello asumirá o custe do aloxamento hoteleiro e o traballador ou traballadora deberá cumprir cos requisitos de confinamento fóra do seu horario laboral, incluídos fins de semana e demais libranzas

Os traballadores e traballadoras do Concello que durante o estado de alarma están acudindo aos seus postos de traballo e que convivan con persoas que pertencen a grupos de risco, teñen a posibilidade de hospedarse nun hotel da cidade e reducir o risco de contaxio para as persoas do seu domicilio. A opción de dispoñer dun aloxamento individual é un dos recursos que o Concello pon a disposición da súa plantilla de persoal para evitar a propagación do Covid-19 entre a poboación en xeral, e entre os grupos máis vulnerables en particular.

Así, as traballadoras e traballadores que se lle acollan a esta medida deberán comprometerse a cumprir cos requisitos de confinamento fóra do seu horario laboral, incluídos fins de semana e demais libranzas. Para isto, deben dispoñer da equipaxe e enseres persoais suficientes para respectar dito confinamento durante todo o período que permaneza activo o estado de alarma.

Hai que lembrar que desde o inicio da crise, o Concello levou a cabo unha redistribución de tarefas e modalidades de traballo de cara a, dunha banda, cumprir coas medidas de prevención e seguridade esixidas e, doutra, manter activos e en funcionamento os servizos esenciais da Administración local. Neste sentido, ao redor dunhas 120 persoas están traballando en remoto desde os seus domicilios, en dúas quendas, e ao redor de 250 persoas traballan presencialmente, das cales 150 conforman as plantillas de Policía Local e Bombeiros e 100 acuden aos seus postos en quendas e en diferentes instalacións municipais.