Deportes e Global DXT deciden aprazar ao día 12 de setembro a celebración da Pontevedra 4 Picos

31
  • A proba estaba prevista para o 9 de maio e xa contaba con 1.250 inscritos. A organización ofrece o cambio automático de datas, a devolución, a inscrición para 2021 ou a cesión a outro titular

Tal e como aconteceu con outras competicións deportivas a nivel internacional, a pandemia motivada polo coronavirus Covid-19 está a alterar o calendario de eventos que estaban previstos en Pontevedra para as vindeiras semanas. Entre as decisións adoptadas coa finalidade de salvagardar a seguridade dos deportistas e da cidadanía en xeral, a Concellería de Deportes e a empresa Global DXT decidiron aprazar ao 12 de setembro a clásica Pontevedra 4 Picos, unha importante proba que debía celebrarse o 9 de maio e para a que xa estaban inscritos uns 1.250 ciclistas.

Tanto os organizadores como o Concello capitalino consideran que unha situación como a que nos atopamos require de medidas contundentes, polo que se ben inicialmente propuñan manter a calma e a data á espera dos acontecementos, tras analizar o actual contexto e a decisión do Goberno central de ampliar o estado de alarma outros 15 días acordaron realizar o aprazamento “para que todos poidamos desfrutar da proba con garantías”. Non obstante, Global DXT, que tamén organiza na nosa cidade a Epic Race Pontevedra (29, 30 e 31 de maio), a Pontevedra 4 Picos Road (21 de xuño) e a Costa Atlántica MTB Tour (24, 25, 26 e 27 de setembro), mantén a ilusión de que a Pontevedra 4 Picos poida ter lugar este ano, poñéndose mans á obra nas xestións e permisos para movela ao 12 de setembro.

Segundo explica o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “dado que este cambio de data pode resultar inoportuno para algúns dos inscritos, a organización ofertará escalonadamente unha serie de facilidades en catro direccións: o cambio automático da inscrición para a nova data; o cambio de titularidade da praza a outra persoa, mantendo a tarifa que pagou (habilitarase o formato de cambio e manteranse as tallas de roupa elixidas); a solicitude da devolución do 100% dos cartos (unha opción que debe comunicarse antes do 15 abril no mail ‘soporte@emesports.es‘, indicando os datos persoais e baixo o epígrafe ‘devolución de tarifa’), e como medida extraordinaria, tamén se poderá trasladar a inscrición á edición de 2021 (decisión que debe comunicarse antes do 15 de abril ao correo electrónico indicado, neste caso coa indicación de ‘traspaso edición 2021’)”.

En redes sociais e na web

Por outra banda, as prendas do evento xa adquiridas serán entregadas na nova data, salvo naqueles casos nos que non se poida asistir, nos que haberá que poñerse en contacto coa organización a través do correo ‘globaldxt@gmail.com‘ para establecer o xeito de entrega. Coa maior brevidade, enviarase unha corrección do regulamento por email a cada un dos inscritos, ao tempo de que se colgará en redes sociais e na páxina web do evento, coa finalidade de que se difundan estes cambios e os novos límites nas datas de inscrición.

Tino Fernández lembra que a Pontevedra 4 Picos é unha proba ciclista esencial no calendario da Concellería de Deportes. Non obstante, a firma Serviocio BeOne e Global DXT asinaron recentemente un acordo de colaboración polo que a firma concesionaria do Complexo Deportivo Municipal de Campolongo se converteu na única instalación deportiva oficial de tódalas probas ciclistas organizadas pola empresa especializada na xestión de servizos e actividades deportivas.

COMPARTIR