A Concellería de Promoción Económica pon en marcha un servizo de asesoramento sobre as axudas das que se poden beneficiar pymes e autónomos de Pontevedra

529
  • Persoal municipal encargarase de xestionar tódalas consultas que lle trasladen os empresarios e pequenos e medianos empresarios por vía telefónica ou por correo electrónico

A Concellería de Promoción Económica e Turismo acaba de poñer en marcha un servizo de asesoramento que permitirá a pequenas e medianas empresas (pymes) e autónomos coñecer e despexar tódalas dúbidas que lles poidan xurdir acerca das medidas extraordinarias de carácter económico adoptadas polo Goberno do Estado ante a evolución do Covid-19. Persoal do departamento que dirixe Yoya Blanco encargarase de responder todas aquelas consultas que lle fagan chegar emprendedores e empresarios, ofrecéndolles información sobre todo tipo de axudas que sexan aprobadas para paliar as consecuencias económicas desta crise sanitaria e das que se poidan beneficiar.

Os interesados poderán trasladas as súas cuestións e dúbidas a través do correo electrónico ‘administracion@proxectoiles.es‘ ou chamando ao teléfono do Concello de Pontevedra (986 80 43 00), na extensión 7467. Segundo sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “pymes e autónomos xa poden asesorarse cando o requiran sobre o primeiro paquete de medidas de apoio económico aprobado polo Consello de Ministros e dotado de 20.000 millóns de euros e que pretende garantir ata o 80% dos empréstitos solicitados para facer fronte ao pago dos salarios e as facturas”.

Yoya Blanco asegura que, dentro das súas competencias, o servizo de Promoción Económica xa está a traballar “para paliar ao máximo o impacto do día despois desta pandemia e botar unha man no proceso de recuperación do noso tecido de autónomos e empresarios”. “Como non podía ser doutro xeito -subliña a edil do PSOE-, agora máis que nunca, imos estar ao seu carón nestes momentos de tan complicados. Á marxe de respaldalos con asesoramento e información, xa estamos a traballar en campañas de fomento das empresas e do comercio local para cando o estado de alarma remate”.

Tal e como sinala a socialista, aínda que xa se trataba dunha cuestión estratéxica para o seu departamento, “este é o momento de poñer en valor con máis forza que nunca o emprendemento local e o comercio de proximidade”.