Rematan as restricións de tráfico en Domingo Fontán

9
  • Está previsto que hoxe se restableza a circulación en dobre sentido no tramo deste vial entre a Ponte do Burgo e a Ponte das Correntes
  • Desde o pasado mes de outubro permanecía pechado un dos carrís por mor das obras de renovación de servizos na contorna da Ponte de Burgo 

Hoxe, venres 27 de marzo, a partires das 13:30h, está previsto que se restableza a circulación en dobre sentido na avenida Domingo Fontán, no tramo entre a Ponte do Burgo e a Ponte das Correntes. O remate das restricións de tráfico neste vial, no que só se podía circular nun sentido, vén dado polo remate das obras de renovación de servizos que se estaban levando a cabo nesta área.

Hai que lembrar que, con motivo desta actuación, se restinxira o tráfico o pasado 21 de outubro permitíndose tan só a circulación nun dos carrís en dirección saída da cidade: desde a Ponte do Burgo cara a Ponte das Correntes. A actuación implicara, ademais, o uso por primeira vez en Pontevedra da técnica de ‘encamisado’ para a renovación do subministro de auga, o que evitou o corte da totalidade do vial. Trátase dunha técnica moito menos agresiva que instalar un tubo novo abrindo unha zanxa, e que consiste en abrir un pozo de entrada e outro de saída para inserir un tubo de polietileno de 560 mm  soldándoo por termofusión por dentro doutro tubo de fibrocemento FC de 600 mm.

Ademais do subminsitro de auga, renováronse tamén a rede de fecais, pluviais, rede de comunicación e rede eléctrica e de alumeado público.

COMPARTIR