A Fundación Meniños e Benestar Social activan un servizo de asistencia psicolóxica e social para axudar a familias con dificultades durante o estado de alarma

316
  • Un psicólogo, unha traballadora social e unha educadora ofrecerán atención, información e mediación en conflitos familiares tódolos días en horario de 10:00 a 14:00 horas no teléfono 678 75 49 33

Ofrecer atención psicolóxica e social, acompañamento, información e mediación en conflitos ou problemas que se poidan plantexar no seo das familias pontevedresas durante o estado de alarma é o obxectivo da nova liña telefónica específica que a Fundación Meniños acaba de activar en colaboración coa Concellería de Benestar Social. Coa posta en marcha deste servizo, un equipo profesional conformado por un psicólogo, unha traballadora social e unha educadora social estarán a disposición da cidadanía, e en especial das familias que poidan atravesar dificultades neste período de confinamento, o número de teléfono 678 75 49 33 de luns a domingo, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Os expertos da entidade de acción social, que tamén están a botar unha man na atención da liña telefónica que o Concello de Pontevedra activou para a atención de persoas maiores, pretenden orientar esta asistencia psicolóxica e social a resolver diferentes tipos de conflitos que se poidan agudizar coa actual situación: discusións froito da convivencia con adolescentes, problemas nas relacións de parella, incremento da sensación de illamento de persoas que viven soas…

Tal e como explica o psicólogo da Fundación Meniños, Roberto Antón, ademais de orientar e ofrecer información sobre as axudas das que os cidadáns dispoñen a través de Servizos Sociais, “tamén se darán pautas para que as familias con nenos pequenos coñezan os recursos dos que dispoñen para encher o seu tempo libre”. “Os profesionais que traballamos en Meniños -sinala Antón- somos expertos en terapia familiar, polo que podemos mediar e buscar solucións para as familias que se atopen en situacións de conflitividade”.

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, considera que, “á marxe do lóxico incremento das sensacións de estrés e ansiedade que se poden dar en todos nós por mor do confinamento, é imprescindible volcarnos coas familias máis vulnerables e con aquelas nas que existen problemas de convivencia cos fillos ou coas parellas, e que loxicamente corren o risco de verse agravados nesta situación”.