O servizo municipal de asesoramento a pymes e autónomos crea un enlace web que sintetiza toda a información de interese sobre prestacións e axudas

140
  • A páxina do Iles (www.proxectoiles.es) incorpora unha pestana sobre o Covid-19, con ligazóns a páxinas de preguntas frecuentes ou medidas sociais emanadas dende as administracións

O servizo de asesoramento de autónomos e pequenas e medianas empresas (pymes) impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo acaba de poñer a disposición de tódolos emprendedores e traballadores de Pontevedra un enlace no que se aglutinan e sintetizan as informacións e preguntas máis frecuentes en materia de medidas sociais, emprego, prestacións, seguridade social e decretos emanados dende o Goberno central e as demais administracións por mor da pandemia. Así, a web do proxecto Iniciativa Local de Emprego Social (www.proxectoiles.es) conta cunha pestana específica sobre o Covid-19, na existen ligazóns temáticas directas a páxinas de utilidade para resolver as dúbidas e na que se van actualizando todas as novas que poidan ter interese neste eido.

O servizo municipal foi posto en marcha coa finalidade de coñecer e despexar tódalas dúbidas que lles poidan xurdir a pymes e autónomos acerca das medidas extraordinarias de carácter económico adoptadas polo Goberno do Estado ante a evolución do coronavirus. Persoal do departamento que dirixe a concelleira socialista Yoya Blanco encárgase de respostar dende a pasada semana as consultas de emprendedores e empresarios, ofrecéndolles información sobre todo tipo de axudas que sexan aprobadas para paliar as consecuencias económicas desta crise sanitaria e das que se poidan beneficiar.

A Concellería de Promoción Económica destinou á xestión das diversas cuestións e dúbidas o correo electrónico ‘administracion@proxectoiles.es‘ e a extensión 7467 do teléfono do Concello de Pontevedra (986 80 43 00). 

Segundo sinala Yoya Blanco, nestes primeiros días de funcionamento, o servizo de asesoramento “xa recibiu diversas chamadas de autónomos, centradas polo momento en asuntos bastantes xerais sobre as medidas de apoio económico que están en marcha”. A edil do PSOE lembrou que o Consello de Ministros xa aprobou un primeiro paquete dotado de 20.000 millóns de euros, co que se pretende garantir ata o 80% dos empréstitos solicitados para facer fronte ao pago de salarios e facturas.

“Estamos tamén a traballar nunha potente campaña de apoio aos emprendedores locais e ao comercio de proximidade, que se xa foron sempre unha prioridade para o meu departamento, agora moitísimo máis. Non os imos deixar sós”, asegurou Blanco.