Un equipo de nove psicólogos da AECC ampliará o abano asistencial da Concellería de Benestar Social prestando terapia psicolóxica e desafogo emocional

69
  • Paloma Castro explica que o servizo abrangue o apoio psicolóxico a “persoas enfermas, con familiares enfermos, que atravesan o loito pola perda dun ser querido ou que coidan de maiores”
  • Servizos Sociais atenderá as demandas de axuda a través dos teléfonos 986 85 03 98 e 986 84 83 34 e derivará os casos aos profesionais da AECC, que colaboran de xeito desinteresado

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) puxo a disposición do Concello de Pontevedra un experimentado equipo de nove psicólogas e psicólogos que permitirán ampliar o abano asistencial prestado dende a área de Benestar Social cun servizo de terapia psicolóxica e desafogo emocional. O departamento que dirixe Paloma Castro atenderá tódalas demandas de axuda neste eido a través dos dous teléfonos activados dende o inicio do estado de alarma para atender ás persoas maiores e con mobilidade reducida que viven soas (986 85 03 98 e 986 84 83 34), derivando aos profesionais da AECC aqueles casos nos que estimen necesaria a súa axuda.

Este apoio psicolóxico pretende facer fronte aos altos niveis de angustia que a pandemia do Covid-19 e o confinamento poden xerar en moitas persoas, xa sexa porque están infectados polo coronavirus, porque teñen a algún familiar enfermo, porque perderon a algún membro da familia por mor deste virus ou ben porque son coidadores de persoas maiores. Tal e como sinala a concelleira de Benestar Social, “a situación que estamos a vivir non resulta psicoloxicamente sinxela de afrontar para ninguén, pero é especialmente difícil para os que atravesan loitos, os que padecen enfermidades crónicas e teñen medo ao contaxio e as coidadoras e coidadores de persoas maiores, que desempeñan o seu labor co temor de contaxiar ou seren contaxiados”.

Para Paloma Castro, “é unha verdadeira sorte contar coa colaboración absolutamente solidaria e desinteresada dos psicólogos da AECC, que teñen unha ampla experiencia para tratar este tipo de situacións de ansiedade e estrés e que, ademais, no caso concreto de Pontevedra, conta cun dos mellores equipos de atención psicosocial (EAPS), adicado exclusivamente a pacientes con cancro ou ao final da vida e ás súas familias”. “Unha vez derivados os casos dende Servizos Sociais, os profesionais da AECC non só atenderán a primeira chamada, senón que tamén farán un seguimento da persoa e manteranse en contacto con ela”, aclara a edil do PSOE.

Teléfonos abertos tódolos días de 9:00 a 21:00 horas

Os teléfonos asistenciais da Concellería de Benestar Social xa están a ser dunha gran utilidade para atender as necesidades básicas das persoas de máis de 65 anos e con mobilidade reducida que viven soas na cidade: adquisición de fármacos, compra de alimentos, asistencia do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou chamadas á Policía Local ou ás emerxencias sanitarias no caso de que sexa preciso. Estas liñas telefónicas, a través das que se xestionarán agora tamén as terapias psicolóxicas e de desafogo emocional, permanecen abertas de luns a domingo, en horario de 9:00 a 21:00 horas.

Pola súa banda, os psicólogos, traballadores sociais e coordinadores de voluntariado da AECC de Pontevedra volcáronse dende o comezo do estado de alarma na atención das demandas procedentes de doentes de cancro e das súas familias a través do teléfono gratuíto Infocáncer as 24 horas (900 10 00 36) e doutras canles remotas. Ademais de atender dende as súas casas mediante videoconsultas, prestan asistencia aos casos de emerxencia que non se poden realizar por outros medios (como o préstamo de camas articuladas, cadeiras, andadores, grúas ou vales de alimentos), respectando sempre as recomendacións e obrigas emitidas polas autoridades sanitarias.

Nestes momentos, os 24 voluntarios de misión da AECC de Pontevedra, que é o que mantén un contacto máis directo con pacientes e que viña desempeñando a súa actividade en hospitais e domicilios, está a formar tándem co equipo de psicólogos, conseguindo ofrecer un elevado nivel de cobertura ás persoas que soliciten este servizo.

Grazas á súa colaboración, Benestar Social reforzará substancialmente o apoio psicolóxico que se presta dende o Concello de Pontevedra, unha área asistencial na que tamén coopera dende hai varios días a Fundación Meniños a través do teléfono 678 75 49 33 (atendido tódolos días en horario de 10:00 a 14:00 horas), centrándose especialmente nos conflitos familiares e problemas de convivencia das familias.

COMPARTIR