Inicio da reparación dunha avaría na rede de subministro de auga

5
  • Está localizada nunha tubaxe colgada na ponte de Santiago e que forma parte da rede que abastece a Marín e Bueu
  • Os traballos de reparación teñen unha duración estimada de entre dúas e tres semanas

A empresa concesionaria do servizo de subministro de auga iniciará na tarde  de hoxe a reparación dunha avaría na rede de HF500 que abastece a Marín e Bueu. A avaría está localizada nunha tubaxe que está colgada na ponte de Santiago, na que se detectou unha fuga na beira do estribo na marxe esquerda.

Os traballos de reparación implican a instalación dunha estada no exterior, baixo a ponte, para acceder á zona na que se produciu a avaría, polo que só se poden realizar aproveitando a marea baixa. Paralelamente, tamén se abrirá un acceso á galería de servizos, na glorieta de Pai Amoedo. Segundo a previsión da empresa, estes traballos de reparación teñen unha duración estimada de entre dúas e tres semanas.

Esta reparación é unha necesidade para frear a fuga de auga que se está a producir no punto da avaría e para garantir un estado óptimo de toda a rede de subministro a Pontevedra, Marín e Bueu. Neste momento, o abastecemento a Bueu e Marín estase realizando polo subminsitro alternativo da rede de Mourente. Estes traballos de reparación son acometidos por ser o servizo de auga un servizo decretado como esencial, e a través dun plan de obra presentado pola empresa no que se garanten todos os protocolos de seguridade e prevención de obrigado cumprimento durante o estado de alarma.

COMPARTIR