A Concellería de Deportes consegue desbloquear os 300.000 euros das subvencións deportivas do ano 2018

280
  • O pago das axudas, que quedara parado administrativamente a consecuencia da declaración do estado de alarma, suporá un alivio económico para as arcas de 60 clubs de Pontevedra

Tal e como aconteceu con outras tramitacións, a declaración do estado de alarma pola crise sanitaria do Covid-19 supuxo a paralización administrativa do expediente en marcha para o abono das subvencións deportivas do período 2017-18, que se atopaba en fase de alegacións cando se decretaron as medidas extraordinarias. Grazas á colaboración dos 63 clubs que concorreran nesta convocatoria, que manifestaron por escrito a súa conformidade para que non se suspendan os prazos relativos a este procedemento, a Concellería de Deportes conseguiu desbloquear os trámites burocráticos e apurar ao máximo os prazos para que poida cobrarse unha achega global de 300.000 €.

O tenente de alcalde e responsable do departamento municipal, Tino Fernández, amosouse moi satisfeito coa boa nova e expresou o seu agradecemento “a todos e cada un dos equipos que pediron a subvención e que asinaron a conformidade para que este expediente poida seguir adiante”. En opinión do socialista, “se as axudas xa resultan importantes para a supervivencia dos clubs de Pontevedra en circunstancias normais, no actual contexto, que aboca a moitos equipos a ERTE, resultan cruciais e, sen dúbida, suporán un alivio económico para as súas arcas”.

Segundo aclarou Fernández, rematado o prazo de alegacións (hoxe, 3 de abril), a Concellería de Deportes agarda ter lista a proposta de resolución definitiva o vindeiro luns, de xeito que a poida remitir xa ao Servizo de Intervención. “En canto se produza a fiscalización, poderá levarse a Xunta de Goberno -precisa o edil do PSOE- e agardamos que estean a pagarse a finais deste mesmo mes. Ese é o calendario que nós nos marcamos. Tal vez sexa un pouco ambicioso, pero cremos que os clubs están moi necesitados e, polo tanto, temos que apurar ao máximo os prazos”.

O socialista quixo tamén agradecer “o enorme esforzo realizado polo Servizo de Deportes para sacar adiante esta tramitación”, xa que “a pesar de estar na situación na que estamos, están traballando arreo para que as subvencións poidan saír canto antes”.

16 clubs de fútbol, catro de baloncesto e catro de piragüismo

Ao abeiro da convocatoria anual de 2018, foron presentadas en tempo e forma un total de 63 solicitudes de equipos, dos que 60 se propoñen como beneficiarios e só tres foron rexeitados por faltar documentación que se consideraba esencial ou por non cumprir cos requisitos. Na proposta provisional asinada polo instrutor das subvencións, o xefe do Servizo de Deportes, Jaime Agulló, figuran ata 16 clubs de fútbol (que aglutinan 49.174,87 euros en axudas), catro de baloncesto (24.541,35 euros), catro de piragüismo (16.541,64 €), tres de ximnasia (7.154,07), dous de balonmán (40.741,68 €), dous de fútbol sala (26.267,36 €), dous de natación (13.708,62 €), dous de natación sincronizada (10.159,46 €), dous de rugby (5.517,94 €), dous de taekwondo (12.239,17 €), dous de tenis, dous de deporte adaptado e dous de tiro con arco. 

Terán un único equipo como beneficiario as disciplinas de atletismo, actividades subacuáticas, billar, ciclismo, esgrima, judo, kick boxing, loita, orientación, salvamento, motociclismo, bádminton, squash, tenis de mesa, voleibol, waterpolo e xadrez.

Estas subvencións resultan fundamentais para que os equipos non teñan apuros á hora de cubrir todo tipo de gastos, entre eles os que teñen que ver cos desprazamentos para xogar lonxe da casa. Un dos datos máis significativos que se puido extraer das contas xustificativas dos gastos é o relativo á cantidade de viaxes que os nosos clubs tiveron que facer en 2018: un total de 489.559 quilómetros, o equivalente a dar 12 voltas ao mundo ou a máis de distancia entre a Terra e a Lúa. 

Os clubs da cidade teñen unha antigüidade media de case 30 anos, o que pon de manifesto que Pontevedra ten unha tradición deportiva moi arraigada (o equipo máis antigo é a Sociedad Gimnástica, de 1927). Unha cultura do deporte que se traduce en 7.151 deportistas federados, é dicir, un 8,6% da poboación do municipio (por enriba do 8,28% que hai a nivel estatal); 5.114 licenzas de base (o 34,93% dos 12.370 rapaces menores de 18 anos que temos no concello desenvolve deporte de competición); 79 deportistas seleccionados por Galicia, e 22 seleccionados por España.

O orzamento global de tódolos clubs de Pontevedra suma máis de 3,4 millóns de euros, o que nos dá unha idea do importantes que son para a nosa cidade e do esencial que resulta que as subvencións se paguen en tempo e forma para que gocen de boa saúde. Non obstante, o cobro das axudas estaba totalmente enquistado e acumulaba varios anos de atrasos cando Tino Fernández tomou posesión do cargo de concelleiro de Deportes.

As propostas de subvención serían as seguintes:

  1. Club Tenis de Mesa Monte Porreiro (tenis de mesa): 10.023,91 € 
  2. Asociación Club Polideportivo Juan XXIII (deporte adaptado): 399,65 € 
  3. CD Escola Hungaresa de Esgrima (esgrima): 4.624,92 € 
  4. Mareantes RCP (rugby): 1.721,05 € 
  5. Club Naval de Pontevedra (piragüismo): 4.639,23 € 
  6. Escola de Xadrez Pontevedra (xadrez): 5.818,84 € 
  7. Club Natación Máster Pons Vetus (natación): 781,50 € 
  8. Agrupación Juvenil de Lérez (fútbol): 5.837,27 € 
  9. Club Río Verdugo de Piragüismo (piragüismo): 1.731,27 € 
  10. Club Treboada (ximnasia): 4.474,58 € 
  11. Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra (piragüismo): 6.700,81 € 
  12. Escola de Fútbol Portero 2000 (fútbol): 4.692,55 € 
  13. Agrupación Deportiva Sagrado Corazón (fútbol): 5.128,35 € 
  14. Bora Club de Fútbol (fútbol): 950 € 
  15. Club Galaico Sincro (natación sincronizada): 4.881,34 € 
  16. Club Galego Turístico-Cultural Subacuático Sotavento (actividades subacuáticas): 1.186,91 €
  17. Club Polideportivo Méndez Núñez (deporte adaptado): 624,58 € 
  18. Club de Tenis Pontevedra (tenis): 2.637,78 € 
  19. Club Fútbol Sala Cidade de Pontevedra (fútbol sala): 7.906,12 € 
  20. Sociedad Gimnástica de Pontevedra (atletismo): 18.795,52 € 
  21. ACD A Seca (fútbol): 4.467,16 € 
  22. Asociación de Boxeo de Pontevedra (kick boxing): 3.151,24 € 
  23. Club Balonmán Cisne (balonmán): 20.518,34 € 
  24. Cerponzóns CF (fútbol): 1.355,07 € 
  25. Club Natación Galaico (natación): 14.284,28 € 
  26. Club Baloncesto Arxil (baloncesto): 20.637,93 € 
  27. Billar Club Pontevedra (billar): 830,43 € 
  28. Pontevedra Rugby Club (rugby): 4.234,35 €
  29. CAB Pontevedra (baloncesto): 2.961,25 €
  30. Asociación Xuvenil Deportiva Verdugo (fútbol): 2.595,81 €
  31. Club Bádminton Ravachol Pontevedra (bádminton): 334,09 €
  32. Club Piragüismo Verducido Pontillón (piragüismo): 3.338,10 €
  33. Sociedad Deportiva Monte Porreiro (fútbol): 4.000 €
  34. Salvamento Acuático Pontevedra-SAPO (salvamento): 3.360,94€
  35. Salgueiriños Club de Fútbol (fútbol): 7.082,50 €
  36. Asociación Temerarias Team (motociclismo): 411,74 €
  37. Baloncesto Estudiantes Pontevedra (baloncesto): 3.484,99 €
  38. Club Boa Vila de Tiro con Arco (tiro con arco): 1.709,63 €
  39. Club Natación Sincronizada (natación sincronizada): 3.063,41 € 
  40. Club Ciclista Farto (ciclismo): 2.650,25 €
  41. SD Teucro (balonmán): 23.710,68 €
  42. Judo Club Pontevedra (judo): 3.792,08 €
  43. Integración Deportiva Pontevedra CF (fútbol): 1.677,60 €
  44. Atlético Estación (fútbol): 777,66 €
  45. Club Deportivo Lérez (fútbol): 3.759,03 €
  46. Club Suh Taekwondo (taekwondo): 2.685,08 €
  47. Club Waterpolo Pontevedra (waterpolo): 7.642,84 €
  48. Club de Rítmica Xiada (ximnasia): 637,64 €
  49. Club de Taekwondo Mace Sport (taekwondo): 6.791,49 €
  50. Leis 26 FS (fútbol sala): 15.539,10 €
  51. San Andrés CF (fútbol): 1.133,43 €
  52. Club de Montañeiros A Roelo (orientación): 6.988,32 € 
  53. Casino Mercantil e Industrial (tenis): 1.879,86 € 
  54. Club de Loita Pontevedra (loita): 1.950,97 €
  55. Club Voleibol Pontevedra (voleibol): 9.105,73 € 
  56. Peña Ciclista Moto Bike (tríatlon): 1.714,17 €
  57. Club Ximnasia Rías Baixas (ximnasia): 1.391,26 € 
  58. SCD Salcedo (fútbol): 4.646,87 € 
  59. Boa Vila Basket (baloncesto): 808,50 € 
  60. Marcón Atlético (fútbol): 5.700 €