Benestar Social coordínase con Secretariado Gitano e Meniños para garantir o seguimento e apoio escolar das nenas e nenos en situación de vulnerabilidade

25
  • As fundacións están en contacto cos profesores/titores e facilitan material e ferramentas educativas para que os rapaces con menos recursos poidan seguir formándose e facer os deberes

Garantir o seguimento e apoio aos nenos e nenas nas súas tarefas escolares durante o tempo que dure o confinamento, co obxectivo de minimizar o prexuízo que a situación puidera ocasionar no seu rendemento, é unha das recomendacións de actuación dos servizos sociais recollidas no documento técnico publicado o 27 de marzo polo Goberno con respecto aos menores que habitan en asentamentos segregados e barrios altamente vulnerables. Para dar resposta a esta necesidade, a Concellería de Benestar Social está a traballar en coordinación coas fundacións Meniños e Secretariado Gitano (FSG) de Pontevedra para asegurar que os rapaces con menos recursos dispoñan de material e ferramentas educativas para facer os seus deberes e continuar formándose cada día.

Tal e como precisa a responsable do departamento municipal, Paloma Castro, “este seguimento resulta esencial para evitar que suspensión das clases e o peche dos centros escolares repercuta na formación dos nenos máis vulnerables e incremente aínda máis as diferencias sociais, xerando unha brecha educativa”. Segundo apunta a edil do PSOE, dende o Equipo de Atención Familiar da Fundación Meniños véñense desenvolvendo actuacións no eido educativo cunhas corenta familias, comprobando o seguimento que efectúan das súas tarefas escolares e os medios tecnolóxicos dos que dispoñen; contactando cos colexios para tentar resolver as dificultades que poida ter o alumnado, e facilitando ás nais e pais ferramentas para uso positivo do tempo de lecer, a organización horaria e o manexo de conflitos.

O seguimento do alumnado, principalmente do programa Promociona (de apoio e orientación educativa para mozas e mozos xitanos), é tamén unha prioridade no abano asistencial que presta a FSG de Pontevedra, que aclara e atende as dificultades e dúbidas que poidan xurdir co material de traballo enviado polos centros educativos e failles chegar dito material a certas familias que se atopan nunha situación moi vulnerable e con serias limitacións de acceso ás tarefas enviadas polos colexios vía aulas virtuais, webs ou plataformas dixitais (moitas familias non teñen conexión a internet na casa ou só a teñen dende os teléfonos móbiles con GB limitados). “Se lles fai chegar aos seus domicilios, en zonas rurais de difícil acceso, por medio de Protección Civil, unha vez por semana”, subliña Paloma Castro.

Unha realidade semellante á que viven algunhas das familias ás que axuda á Fundación Meniños e que, como sinala o coordinador do Equipo de Atención Familiar, o psicólogo Roberto Antón, “carecen de ordenador e de conexión a internet na casa, con acceso unicamente a través do móbil no mellor dos casos”. Nesas situacións, contáctase cos educadores dos centros ou con outros pais para que lles impriman as fichas e as tarefas e llas fagan chegar en papel e envíanse os materiais, recursos e ferramentas educativos máis axeitados.

Traballos adaptados a cada situación

Entre as accións que a Fundación Secretariado Gitano está a efectuar no eido educativo durante esta situación de emerxencia sanitaria inclúese a coordinación con mestres/titores e equipos directivos dos centros escolares para que teñan en conta as limitacións dos rapaces e propoñan traballos e seguimentos adaptados a cada situación. Asemade, tal e como afirma a coordinadora da FSG de Pontevedra, María José Obelleiro, tamén se ofrecen a facerlles chegar ás familias información importante relativa á continuidade educativa dos seus fillos e fillas e coordínanse semanalmente cos centros “para recibir os materiais, descargalos e imprimilos coa finalidade de distribuílos organizadamente entre o alumnado con máis dificultades de acceso”. 

“Á marxe da sensibilización das familias sobre a importancia de manter rutinas e hábitos de vida saudables, comprobamos que a tarefa chegou correctamente -apunta Obelleiro- e motivamos aos nenos e ás súas familias para realizala nos prazos indicados, ofrecendo apoio e atención para posibles correccións e explicacións extra”.

Para completar este servizo asistencial, o profesorado da FSG prepara actividades de reforzo de contidos curriculares de maneira personalizada e desenvolve unha atención individualizada diaria, mediante teléfono, vídeo chamadas e whatsapp, para o seguimento das tarefas, a programación de actividades, a resolución de dúbidas ou a recomendación de recursos educativos específicos.

Exemplos da xestión de Meniños no eido educativo:

  • FAMILIA 1. A familia dispón de ordenador, acceso a internet e impresora. A nai afirma que revisa as tarefas escolares que está realizando o neno.
  • FAMILIA 2. A familia non ten acceso a ordenador, só dende o móbil. A nai descoñecía nun inicio o xeito de acceso ás tarefas. Contactouse coa orientadora e facilitou o acceso. Un educador do centro de día ao que acude o fillo imprimiu as tarefas e as fixo chegar. A nai está realizando as tarefas cos dous fillos.
  • FAMILIA 3. Nai e avoa descoñecían como acceder ás tarefas dos nenos. Contactouse coa orientadora do centro de primaria e facilitou a ligazón, que lle foi remitida á filla maior, que acode ao instituto. Esta facilita as tarefas aos pequenos (a súa nai traballa nun supermercado).
  • FAMILIA 4. Nai con 3 fillos, os dous maiores, que acoden ao instituto e realizan tarefas online a través da tablet. O pequeno acode ao centro de Primaria e non podía acceder aos enlaces. Chamouse á directora e pasoulle a información á nai a través de email. A nai solicitou apoio e información sobre algún tipo de axuda para soporte informático, ao facerse complicada a organización cos tres fillos.
  • FAMILIA 5. Accede o fillo maior á plataforma do colexio a través do móbil e copia a man todo o material. Esta familia precisaría de soporte informático se houbese algún tipo de axuda destinada a tal fin.
  • FAMILIA 6. Dispoñen de ordenador e a nai supervisa as tarefas dos seus fillos (neno en Primaria e nena en Secundaria).
  • FAMILIA 7. Dispoñen de tablet e ordenador e a nai contacta coa escola para a revisión das tarefas.
  • FAMILIA 8. Dispoñen de ordenador e tablet. Mantívose contacto por email coa orientadora do instituto da filla maior por dificultades condutuais previos á alerta sanitaria. En canto ao fillo pequeno, a nai mantén contacto diario coa profesora.
  • FAMILIA 9. Non teñen ordenador nin conexión a internet. Viven no rural e adícanse ao coidado de animais. A nai facilita algún xogo educativo pero non poden realizar as tarefas do colexio.
  • FAMILIA 10. Dispoñen de tablet e a irmán maior encárgase das súas tarefas e das da súa irmán pequena.
  • FAMILIA 11. Intervención encamiñada a controlar a sobreexposición tecnolóxica do irmán pequeno, regularización de horarios de televisión e xogos no móbil. Control parental e horarios supervisados.
  • FAMILIA 12. Envíanse materiais, tarefas e xogos de fomento da capacidade espacial, psicomotricidade grosa e fina, o xogo holístico e a temporalidade estacional.
  • FAMILIA 13. Coordinación co centro educativo para que lles facilite a familia as tarefas en papel, posto que viven nunha infravivenda, sen conexión nin acceso a internet dende ningún dispositivo (só teñen móbil sen conexión). Estase traballando a colaboración nas tarefas do fogar.
  • FAMILIA 14. O neno fai as tarefas encomendadas dende o colexio, estase a traballar a xestión dos descansos e a alta esixencia da nai cara o pequeno.
  • FAMILIA 15. Coa nena pequena abórdanse xogos acordes a súa idade, tarefas con recursos accesibles no fogar (botellas sensoriais para traballar a psicomotricidade fina, que serven como instrumento musical ou de relaxación).
  • FAMILIA 16. A nena cursa Primaria e a nai estase encargando da realización das tarefas encomendadas polo colexio. Estase a traballar a xestión de conflitos e a mellora da relación entre ambas.
  • FAMILIA 17. Viven no rural e a parella do pai encárgase de organizar as tarefas da escola. Traballan dúas horas pola mañá e dúas pola tarde e no tempo de lecer contan con recursos de abondo para aproveitar o espazo.
  • FAMILIA 18. O pai encárgase de organizar as tarefas do seu fillo. Está en contacto co colexio e o fillo realiza as tarefas.
  • FAMILIA 19. Non teñen ordenador nin acceso a internet. A nai está en contacto coa directora do colexio e a nai dun amigo do rapaz se encarga de facilitarlle as fichas impresas coas tarefas.

Ademais:

  • 5 familias con nenos e nenas escolarizados en Primaria reciben recursos educativos e de lecer regularmente e compártese información de interese.
  • 8 familias con nenos e nenas escolarizados en Infantil reciben recursos educativos e de lecer regularmente e compártese información de interese.
  • 7 familias con adolescentes reciben apoio para o manexo de conflitos e para a mellora das relacións no eido familiar.
COMPARTIR