O Concello tramita contratos por máis de 11 millóns de euros para poñer en marcha tras o estado de alarma

28
  • Está axilizando toda a tramitación administrativa posible para inxectar liquidez nas empresas da contorna e reactivar a economía local en canto se levante o estado de alarma 
  • Trátase de procedementos de contratación de obras, servizos e subministros

A concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, vén de anunciar que o Concello está axilizando a tramitación administrativa de diferentes contratos, cuxo orzamento total ascende a 11.300.000 euros, para comezar a executalos nos días e nas semanas posteriores ao levantamento do estado de alarma. “Estes máis de 11 millóns de euros, que están en diferentes fases de tramitación, van permitir unha activación imporotante dos recursos económicos da cidade, porque parte das empresas adxudicatarias son da contorna de Pontevedra” indicou Anabel Gulías.

A concelleira insistiu que o Concello ten moi presente “o día despois dese ansiado levantamento do decreto de alarma” e, nese sentido, lembrou que desde a Administración local se decretaron como esenciais todos os servizos económicos municipais (entre os que citou as áreas de Intervención, de Xestión Tributaria, de Contratación, ou de Secretaría), para “dentro das nosas posibilidades, facer todo o posible para inxectar esa liquidez para tratar de activar a economía local”. Ademais de axilizar a tramitación administrativa destes contratos, Gulías lembrou que xa se teñen abonado facturas a provedores por preto de 3 millóns de euros en dez días, triplicando o importe que se realizaría nunha semana en circunstancias habituais. “Son cifras importantísimas para que empresas e autónomos pidan seguir xerando emprego e activando a economía, que é unha das maiores preocupación que temos todos nestes momentos” afirmou.

Anabel Gulías explicou que dos 11.300.000 euros, aproximadamente 6 millóns corresponden a contratos que están en fase final, isto é, que xa están asinados, que están proposta de adxudicaicón ou de tramitación de documentación oficial para ser asinados. A este apartado corresponderían os contratos de remodelación de Loureiro Crespo (2.158.000 euros), o de mantemento de vías urbanas (450.000 euros), o vial de acceso a Monte Porreiro (1.000.000 euros), a instalación de luminarias leds en Lourizán (193.000 euros), o lavadoiro de San Amaro (85.000 euros), o local social dos Campos (536.423 euros), a iluminación ornamental das pontes (430.000 euros), o parque forestal da Fracha (453.021 euros), a adquisición de vehículos para a Policía Local, o local do GDR tamén nos Campos (452.000 euros), o ximnasio da ONCE (448.636 euros), a reordenación da avenida da Coruña (191.869 euros) ou a Administración Electrónica.

Aproximadamente 2 millóns de euros corresponderían a contratos nos que se procedeu ao inicio do expedientes de contratación, trámite no que se atopan, entre outros, o contrato de telecomunicacións, o contrato de mantemento de vías públicas no rural, ou a reforma de Santa Clara. E ao redor de 3.300.000 euros corresponden a contratos menores de obras, de reforzo de limpeza que se están levando a cabo durante este periodo e todas as contratacións de obras no rural.

Anabel Gulías matizou que “o Concello non ten ningunha capacidade para autorizar o inicio de actividade económica non esencial, polo que estamos á espera do que determine o Estado español que é quen ten esas competencias” ao tempo que indicou que “compartimos a paralización de todos os servizos non esenciais porque entendemos que o primeiro obxectivo é frear a pandemia e garantir a seguridade das traballadoras e dos traballadores”. Por último, tamén aproveitou para agradecer, unha vez máis, o traballo dos servizos municipais para que “nos días e semanas inmediatos á saída do estado de alarma se poidan poñer en funcionamento todos estes contratos”.