Medio Natural colabora con Fernando Portela e Eduardo Esteban nun documental que afondará na historia e tradición da Ría a través da figura de Colón

19
  • A Concellería que dirixe Iván Puentes solicitou ante o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) unha subvención para a peza audiovisual, cuxo orzamento ascende a 17.787 euros

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está a colaborar co produtor Fernando Portela e co presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, Eduardo Esteban, na elaboración dun documental que afondará na historia e tradición da Ría de Pontevedra, coa posible orixe galega do descubridor do Novo Mundo como fío condutor. O departamento que dirixe Iván Puentes solicitou ante o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) unha subvención para a produción e realización da peza audiovisual, cuxo orzamento ascende a 17.787 euros. 

Deste xeito, o documental podería acceder ás axudas económicas que se conceden a proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), aprobadas aos GALP para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020. A obra audiovisual, que producirá e realizará Portela e que conta para o seu guión cun experto como Eduardo Esteban, que xa defendeu as orixes galegas do navegante en diversos foros, permitirá descubrir ao Colón galego a través da Ría de Pontevedra e, ao mesmo tempo, coñecer o pasado, costumes, toponimia, tradicións e historias de navegación da propia Ría, os portos de Marín e Pontevedra, o Gremio de Mareantes, Combarro ou Poio.

No documental exporanse diversos documentos notariais e en pedra (Santa María e cruceiro de Porto Santo) que relacionan a Colón co noso mar, algúns de carácter inédito relativos ás Capitulacións de Santa Fe e mesmo as investigacións sobre a presenza do apelido Colón e Fonterosa (asociado á biografía do descubridor) no ‘Livro do Concello’ de Pontevedra nos anos previos ao achado de América. Asemade, tal e como sinala Iván Puentes, “analizaranse algúns topónimos empregados polo navegante que, 530 anos despois, aínda se poden identificar na Ría de Pontevedra” e amosaranse estudos e indicios da lingua falada por Colón, “como o realizado polo xesuíta Luis Pereiro Álvarez ou as declaracións do teólogo e lingüista Martinho Montero Santalha”.

“A peza audiovisual -explica o edil do PSOE- tamén porá sobre a mesa outras evidencias en torno á galeguidade de Cristóbal Colón, como a celebración da festividade da Virxe da O ou a súa sinatura notarial no seu Mayorazgo e nas Capitulacións, e efectuará un percorrido polos primeiros movementos sociais e culturais en torno á Teoría Galega da Orixe de Colón: os Comités Pro Colón Español e os Comités Pro Colón Galego; a función do Centro Galego da Habana; a figura de Ramón Marcote Miñarzo (creador e presidente do Comité Pro Patria Galega de Colón), e a historia escrita polos historiadores Enrique Zas, Prudencio Otero ou Nicolás Espinosa”.

En opinión do socialista, o estudo da figura de Colón e do seu tempo “é dunha enorme importancia para coñecer Pontevedra e o seu contorno, a súa forma de vida, as súas costumes e o seu pasado asentado nas bases dos gremios e do comercio marítimo”.

COMPARTIR