A Xunta de Goberno estrea mañá a vía telemática de reunión dos órganos de decisión do Concello

13
  • Esta vía terá validez legal, ao igual que as convocatorias presenciais realizadas até o de agora. 
  • Poderá ampliarse a outros órganos de deliberación como a Mesa de Contratación, o Pleno ou as Comisións, cinguíndose ás peticións dos departamentos municipais para aprobación ou debate dalgún asunto administrativo.

O Concello de Pontevedra celebra mañá a súa primeira Xunta de Goberno telemática obrigado polas circunstancias sanitarias. Este é o primeiro chanzo dunha nova forma de concibir a Administración, que se irá adaptando a este formato nas vindeiras semanas en función das necesidades.

De feito, a Concellaría de Réxime Interior que xestiona Anabel Gulías e que dirixe esta implantación, ten previsto que as vindeiras reunións da Mesa de contratación tamén se convoquen vía telemática para que poidan asistir todos os titulares deste órgano municipal, e teña a mesma validez xurídica que as que se celebraban presenciais até o de agora.

A expensas de coñecer o desenvolvemento futuro dos acontecementos, o Concello xa estuda a implantación da vía telemática para a celebración de reunións doutros órganos municipais como poden ser o Pleno da Corporación ou as Comisións informativas. 

Ante a prohibición de facer reunións con este número de asistentes e a obriga de confinamento domiciliario, a Concellaría de Réxime Interior matiza que a convocatoria destes órganos será a petición dos departamentos municipais para a votación dalgún procedemento administrativo que requira a convocatoria plenaria.

Anabel Gulías.