O Concello garante o pleno funcionamento da Policía Local tras o primeiro positivo por Covid-19

18
  • Trátase do xefe da Policía Local, que permanece illado no seu domicilio e neste momento non manifesta síntomas
  • A concelleira de Protección Cidadá salienta as medidas de protección e prevención adoptadas pola Policía Local, desde o comezo da crise, co fin de minorizar os posibles contaxios entre a plantilla 

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, confirmou esta mañá o primeiro positivo por Covid-19 entre a plantilla de traballadores do Concello, informando que se trata do xefe da Policía Local, Ángel Ruibal. “Teño que dicir, en primeiro lugar e o máis importante, que el se atopa ben, non manifesta síntomas a día de hoxe, está illado no seu domicilio, e desde o Goberno o que queremos é trasladarlle todos os nosos ánimos e o noso desexo de que todo saia ben e que saia o antes posible” indicou a concelleira.

Eva Vilaverde explicou que o xefe da Policía Local deu positivo o pasado venres, tras manifestar síntomas e realizárselle a proba con celeridade por tratarse de persoal de emerxencia. Tamén indicou que “non é un positivo que teñamos que achacar a ningún operativo da Policía Local, nin afecta para nada ao normal desenvolvemento da Xefatura, posto que xa viña realizando o seu traballo desde un despacho situado noutro edificio e non mantiña contacto físico cos compañeiros e compañeiras”.

Neste sentido, Eva Vilaverde asegurou que “na Policía Local, desde o primeiro día se adoptaron todas as medidas de seguridade, de protección e de prevención que eran posibles tanto no seu funcionamento ordinario do día a día de todos os axentes, como tamén na organización do traballo”. Asegurou que o traballo está sendo organizado, desde o inicio da crise, por quendas estancas “para que se produzan os mínimos cruzamentos posibles entre as diferentes quendas e para garantir que, se hai algún outro positivo, a repercusión sexa a mínima posible e non afecte ao normal funcionamento da Xefatura”. Por último, anunciou que mentres o actual xefe non se reincorpore ao seu posto, as funcións da Xefatura pasarán a ser asumidas polo seguinte inspector principal, José Manuel Duarte.

A concelleira de Protección Cidadá fixo público este dato tras a celebración da Xunta de Goberno local, que nesta ocasión combinou modalidade presencial con telemática, na que tamén se actualizou toda a información municipal relativa ao confinamento e o estado de alarma. 

Respecto das denuncias por incumplimento do estado de alarma, desde o 15 de marzo ata o 4 de abril, contabilízanse un total de 191. Eva Vilaverde explicou que se observa un descenso das denuncias nos últimos días e asegurou que en xeral o comportamento da veciñanza está sendo bo e que “a concienciación social é cada vez maior e respectánse con carácter xeral os termos do confinamento e do estado de alarma”. Matizou que estas 191 denuncias se corresponden con 167 persoas denunciadas, posto que algunhas son reincidentes. Ademais neste punto, indicou que as persoas reincidentes corresponden na maioría dos casos con persoas sen teito.

Sobre o acollemento das persoas sen teito, Eva Vilaverde anunciou que o Concello está ultimando a habilitación do Pavillón Multiusos con capacidade para 30 persoas que comezará a funcionar mañá. A este respecto, lembrou que no albergue Raíña da Paz permanecen 24 persoas en corentena, polo que non se admiten novos ingresos. Deste xeito, o Pavillón Multiusos pasará a ofrecer o servizo de acollemento ás persoas sen teito que o precisen.

En canto aos datos de recollida de lixo específica para persoas con Covid-19, Vilaverde informou que neste momento se está prestando este servizo en 18 domicilios, que se corresponden con 25 persoas doentes. 

Ademais, na Xunta de Goberno local ratificáronse tres decretos do alcalde para a realización por emerxencia de adquisicións e desinfeccións relacionadas co Covid-19. Trátase da adquisición de equipos de protección individual para traballadores e traballadoras públicos e persoal do SAF, e de produtos de desinfección para as dependencias municipais, cun orzamento estimado de 3.682,04 euros e de 353,32 euros respectivamente. Tamén se ratificou o decreto de realización da desinfección de vehículsos municipais da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cun orzamento estimado de 1.624,91 euros.