Auga e lixo, venda ambulante e veladores amplían o seu período de cobro

24
  • Estas moratorias veñen sumarse ás xa anunciadas para os recibos do IVTM e para os de mercados e os de valados

O Concello vén de determinar novas moratorias nos períodos de cobro en período voluntario de tres recibos máis. Trátase das taxas de auga, lixo e sumidoiros, das taxas de ocupación de vía pública por mesas e veladores, e das de venda ambulante. Sobre estes  adiamentos de cobro, o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González explica que “o que estamos a facer é incrementar estes prazos para que así os veciños dispoñan de máis tempo para facer efectivos os seus recibos e tamén, naqueles supostos nos que debido a esta grave crise haxa alguén que teña problemas de liquidez, os poida solventar e facer efectivos os recibos”

No caso dos recibos bimestrais das taxas de auga, lixo e sumidoiros correspondentes ao primeiro bimestre (xaneiro e febreiro) que xa están ao cobro, ampliouse un mes o prazo inicialmente outorgado, finalizando o 11 de xuño. Tamén está previsto que o prazo correspondente ao segundo bimestre (marzo e abril) se amplíe de dous a tres meses, polo que o prazo comezará o 11 de maio e rematará o 11 de agosto. 

En canto aos recibos anuais correspondentes ás taxas pola ocupación de vía pública con veladores e mesas, inicialmente está previsto un atraso do prazo de pago en voluntaria dun mes. Isto significa que en lugar de comezar a mediados de xuño, o período voluntario comezará a mediados de xullo e rematará a mediados de setembro.

Mentres, dos recibos de venda ambulante correspondentes ao primeiro trimestre do 2020, xa se descontaron as datas que non estiveron instalados os postos. Neste caso o período de pago en voluntaria ampliouse de dous a catro meses, polo que comezará o 15 de maio e rematará o 15 de setembro.

Estas novas moratorias veñen sumarse ás xa anunciadas para os recibos do IVTM e dos padróns de mercados e de valados. Hai que lembrar que o prazo de pago en período voluntario dos recibos do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), tras a moratoria, comezará en período voluntario o 4 de maio e rematará o 6 de xullo. Para os recibos mensuais dos mercados e os recibos de valados de marzo e abril, ampliouse o prazo de dous a catro meses, de xeito que o de marzo vai desde o 25 de marzo ata o 27 de xullo, e o de abril dende o 27 de abril ata o 27 de agosto.

COMPARTIR