O Servizo de Medio Ambiente recolleu e sacou a poxa nos últimos 2 anos unha vintena de cabalos salvaxes

17
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural conta coa Asociación Cabalar do Monte de Campañó para a prestación do servizo de transporte e manutención dos animais 
  • A escaseza de zonas de pasto leva a algúns grupos de cabalos a invadir montes e propiedades privadas, esencialmente nas parroquias de Verducido, Salcedo, Alba e Cerponzóns

A escaseza de zonas de pasto, sobre todo nas tempadas cos veráns máis secos, leva a algúns grupos de cabalos salvaxes procedentes dos montes de Moraña, Amil ou Marín a atravesar as fronteiras do noso concello e invadir propiedades privadas ou comunais en busca de alimento. Só nos últimos dous anos o Servizo Municipal de Medio Ambiente tramitou a recollida dunha vintena de exemplares equinos en diversas parroquias de Pontevedra, esencialmente Verducido, Salcedo, Alba e Cerponzóns.

O departamento dependente da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural conta coa Asociación Cabalar do Monte de Campañó para a prestación deste servizo de retirada, transporte e manutención dos animais. Tal e como aclara o concelleiro Iván Puentes, os cabalos reciben coidados e comida nunhas instalacións axeitadas “polo tempo necesario para efectuar as xestións de celebración da poxa pública, os trámites para poñer tódolos papeis en regra e a implantación dos correspondentes microchips”. 

As poxas teñen lugar nas propias oficinas do Servizo de Medio Ambiente, unha vez que se establece por decreto o número de animais e o prezo de partida. “Estas poxas -explica o socialista Iván Puentes- fanse a viva voz e habitualmente por lotes, que se soen corresponder con manadas. Para poder participar, os gandeiros teñen que aportar previamente un diñeiro que se pon como fianza”.

Non obstante, o principal obxectivo das poxas é atopar un propietario para os cabalos salvaxes e regularizar a súa situación coa maior prontitude posible, evitando así que, ao non dar cun dono, a Xunta de Galicia se faga cargo del e remate por sacrificalo. Por este motivo, segundo apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, “os prezos polos que soen adquirirse os animais non son demasiado elevados: un único exemplar pode estar entre os 30 e os 70 euros e un lote duns oito cabalos en máis de 200 euros”.

Nalgunhas ocasións, as denuncias sobre a presenza de cabalos soltos resólvense coa aparición do dono do equino, como aconteceu recentemente en Cerponzóns, pero a meirande parte das intervencións débense a grupos de cabalos. O ano pasado, no que o verán non foi especialmente seco e non houbo tanta escaseza de pasto, recolléronse uns nove animais nas parroquias de Salcedo e Verducido, unha cifra semellante á de 2018.

En suspenso polo Covid-19, salvo en casos de emerxencia

Iván Puentes aclara que o servizo de recollida de cabalos salvaxes atópase nestes momentos suspendido por mor da pandemia do Covid-19, xa que “tanto as operacións necesarias para atrapar os animais como aquelas para subilos ao camión deben facerse entre varias persoas, o que incumpriría os protocolos de seguridade”. “Asemade -sinala o edil- non se atopa entre as actividades consideradas esenciais polo Concello e, en todo caso, as medidas de confinamento impiden que os veciños se poidan atopar con exemplares e comunicalo á Administración local”.

Non obstante, no caso de que no ámbito do concello de Pontevedra tivese lugar algunha incidencia como a acontecida o pasado 25 de marzo en Paraños (Covelo), cando un home atropelou mortalmente a un cabalo co seu vehículo, o Servizo de Medio Ambiente porá en marcha as actuacións de emerxencia necesarias para recoller o corpo, auxiliar ao animal ou sacrificalo, no caso de que quede malferido (sempre mantendo as máximas medidas de seguridade).