Medio Natural ampliará a oferta de hortas urbanas destinando máis de 28.000 € á creación de novos verxeis comunitarios na rúa Ernesto Caballero

69
  • Ademais de contratar este proxecto, a Concellería que dirixe Iván Puentes investiu máis de 10.000 € no servizo de xestión dos hortos existentes no Mirador de Monte Porreiro e Conde Bugallal
  • O departamento municipal tamén confiou á empresa de inserción laboral Feito Pontevedra o servizo para a preparación e seguemento dos hortos escolares, contratado por 6.683 €

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, ampliará a oferta de hortas urbanas do concello de Pontevedra coa creación de novos verxeis de carácter comunitario nunha parcela situada na rúa Ernesto Caballero. En base á proposta de contratación realizada polo Servizo Municipal de Medio Ambiente e asinada polo edil socialista, a empresa de inserción laboral Feito Pontevedra SL, constituída pola asociación Rexurdir Provincial, será a encargada de executar esta actuación cun investimento duns 28.100 euros.

O proxecto plantexa a instalación de 17 bancais elevados de 14 metros cadrados e dotados de sistemas de rego, o peche perimetral da parcela e o subministro de elementos auxiliares. Esta nova horta ecolóxica urbana sumarase ás xa existentes actualmente no Mirador do barrio de Monte Porreiro e na Finca de Conde Bugallal, dotadas respectivamente de 22 bancais elevados de 4,2 metros cadrados e de 37 bancais de 18,6 metros cadrados.

Iván Puentes explica que a Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén contratou a Feito Pontevedra o servizo para a dinamización e xestión de tódolos verxeis comunitarios do municipio grazas a unha achega económica de máis de 10.000 euros. Tal e como lembrou o edil do PSOE, “o Concello, previa inscrición das persoas interesadas, realiza a concesión das hortas por un prazo de dous anos, prorrogable por outros dous, dándolle preferencia ás usuarias e usuarios dos servizos sociais ou do Centro de Información á Muller (CIM)”.

“Feito Pontevedra -aclara o concelleiro- encárgase de asesorar aos usuarios durante todo o ano no que se refire ao tipo de cultivos que deben realizar, o xeito de facelos e o manexo agronómico da plantación, de cara a respectar o medio ambiente. Ademais, levan a cabo o mantemento das instalacións e das zonas comúns, supervisando o cumprimento das normas establecidas para o uso das concesións”.

Os uso das hortas por parte dos concesionari@s desenvólvese ao longo de todo o ano, coa realización de diferentes cultivos, tanto de inverno (como poden ser as coles) como de primavera/verán (leitugas, tomates, pementos…). Talleres e charlas formativas complementan as dinámicas de xestión dos bancais do Mirador de Monte Porreiro, que nestes momentos aproveitan 16 usuarios, e a Finca de Conde Bugallal, utilizados por 37 concesionarios. Esta mesma dinámica vaise seguir tamén para os novos hortos de Ernesto Caballero.

Hortas en nove colexios

A empresa de inserción laboral Feito Pontevedra será tamén responsable do servizo para a preparación e seguimento dos hortos escolares nos CEIP A Xunqueira I, Parada (Campañó), Santo André de Xeve, Vilaverde (Mourente), Marcón, San Martiño, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio e Campolongo. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible xa deu luz verde a un investimento de 6.683 euros que inclúe a preparación dos terreos, unha charla didáctica, a execución das primeiras plantacións, o asesoramento e seguimento dos traballos e unha actividade final no mes de xuño.

COMPARTIR