A base de datos de negocios activos en Pontevedra xa conta cunha lista de 158 establecementos comerciais e pymes

112

Dende a súa entrada en funcionamento o pasado 6 de abril, a base de datos posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para informar dos negocios activos en Pontevedra e da súa oferta pasou dos 70 establecementos comerciais e pymes aos 158, incorporándose tamén á lista as empresas do programa municipal ‘Pontevedra ten un puntazo’. A relación de firmas e datos actualizados pode consultarse na páxina web da Iniciativa Local de Emprego-ILES (www.proxectoiles.es), nunha pestana específica da web do Plan de Acción Municipal contra o Coronavirus (https://www.pontevedra.gal/covid-19/) ou directamente a través do seguinte enlace: https://proxectoiles.eu/PONTEemprego/COVID-19/Base%20datos%20comercio%20COVID-19.pdf.

A base de datos online foi impulsada polo departamento que dirixe Yoya Blanco coa finalidade de dar a coñecer en tempo real os negocios e pymes que seguen en funcionamento durante o estado de alarma. Grazas á información compilada, os cidadáns poden saber de primeira man tanto os servizos que ofertan (como o reparto de produtos a domicilio) como os medios para contactalos, facilitando así a asistencia e a realización de compras mentres se estendan as medidas de confinamento decretadas polo Goberno central.

Na lista elaborada polo Servizo de Promoción Económica inclúense os sectores de alimentación (carnicerías, peixerías, froiterías, conxelados, queixerías, panaderías, tendas-supermercados, comida para levar…), téxtil, informática, electrodomésticos, reparación, servizos médicos, veterinarias, ópticas, limpeza, seguros, asesorías, xestorías, ferreterías, artigos de beleza e benestar, axuda a domicilio, centros de formación e venta de material de oficina (librerías/papelerías).

Todos aqueles establecementos comerciais e pymes que queiran incorporarse á base de datos deben poñerse en contacto co Concello mediante o correo electrónico ‘administracion@proxectoiles.es‘, ao que deben facer chegar a seguinte información: email de contacto, nome comercial do establecemento, tipo de establecemento (a que se adica, que produtos ou servizos oferta…), se o local permanece aberto, o horario de atención ao publico, a posibilidade de efectuar compras a domicilio e as condicións deste servizo (compra mínima, distancia cuberta en quilómetros…)”. Tamén deberán indicar como se pode realizar un pedido nas súas tendas, facilitando datos como a súa páxina web, o seu teléfono de contacto, o seu whatsapp ou a súa dirección de Facebook. 

Á marxe da utilidade que esta base de datos está a ter durante este período de confinamento, a información compilada empregarase máis adiante para crear un directorio de pequenas e medianas empresas. Asemade, a Concellería de Promoción Económica deseñará e porá en marcha nun futuro unha app de comercio local que funcione ao estilo doutras coñecidas plataformas, facilitando a adquisición de artigos, produtos e servizos dos negocios de proximidade a través de internet.